newyorker1 equilibrioEu voto e opino porque pago os meus impostos persoais e patrimoniais. Comezo con esta obviedade, que para moitos será pueril e mesmo cheirantemente norteamericana, porque moitas veces esquecemos que achegar unha parte dos soldos e das actividades económicas nos arma do dereito a loubar e criticar. O pasado martes publiquei unha anotación furibunda na que trataba de explicar a miña ausencia no Azoka de Durango. Cuestionaba nela a Xulio Amigo, presidente de Cultugal, cunha carraxe esaxerada e inxusta cara a el, polo que lle pido desculpas. Tras da xestión do proxecto, eu non o sabía, estaba tamén Sergio Lago, un xestor excepcional a que, se me permiten o paternalismo, vin medrar profesionalmente dende as orixes de Falcatruada en Lugo. Rógolle que acepte asemade a miña solicitude de perdón.

Cando escribín aquel comentario ignoraba o modelo organizativo da nosa valixa cultural para a feira máis importante da cultura vasca. Sergio ocupouse pacientemente de explicarme, en correos privados que nos remitimos estes días, que Culturgal promoveu unha oferta aberta de propostas e contidos. O resultado xeral foi que, mirado dende medio milleiro de quilómetros, non retrataba a cultura galega actual. O resultado persoal é que perdín unha oportunidade irrepetible como único escritor galego nacido en Euskal Herria.

APESA xestión cultural galega leva moitos anos atoada nun modelo pechado consistente en que as cúpulas dunhas elites xestoras van repartindo a carga de realizacións (e de ingresos) entre os seus integrantes. Evidentemente, non é exclusiva nosa, todos sabemos de dúas escritoras que, infaliblemente, nos fan de elegantes e discretas embaixadoras en todo canto acto promove o Ministerio español de Cultura no exterior dende hai unha década.

Como consecuencia, o discurso cultural do país xira sobre si propio apresado nun bucle case que dende que temos goberno de nós. A iso, súmase que os cartos públicos, que achegamos todos, desembocan sempre nas mesmas contas correntes. Alimentan, dese xeito, que sexan os mesmos creadores quen, nun numerus clausus, volvan facer as mesmas propostas e actividades nos mesmos espazos. A cultura galega non se anova porque as oportunidades de expresión se manteñen concentradas nun club privado que goza dunha incomprensible financiación allea e colectiva lograda por vía impositiva e inelectiva.

O modelo que aplicou Culturgal baila ata o extremo contrario. O escenario brinda as mesmas posibilidades a todos para exhibirmos. A proposta resulta extremadamente positiva para amosar as accións creativas dentro do territorio nacional. O primeiro Culturgal en Pontevedra lembroume ao final de O planeta dos simios polo caótico e desértico; pero o segundo, o celebrado na Coruña, ilusionoume porque deu unha idea de como se pode promover cultura con variedade e interese. Do acontecido este ano non podo opinar por experiencia persoal, mais os comentarios dificilmente poden ser máis positivos. Ese xeito de traballar nos vale para Galicia por responder ao concepto de feira, de espazo ao que se acude para adquirir unha visión xeral, directa e argumentada do que é un sector profesional e de lecer.

batmanO problema é que esa proposta igualitarista e aberta muda a erma cando se trata de presentar a actualidade creativa dun país na feira cultural de outro. Daquela, precísase de establecer un paquete rixidamente xerarquizado e definido polos responsables de remitilo -Culturgal, neste caso-. Non poden ceder a unha serie de axentes ou entidades a decisión sobre os ingredentes da receita porque o produto final, no canto dunha imaxe coherente de país, é unha percepción asamblearia e de vaiche boa.