A Familia Importancia chamou onte ao periódico no que traballo. O Fillo Importancia preguntou polo seu, por que fóra na sección A no canto de figurar na B cando el sabía (sic) que era tema da sección A. De alí a unha hora chamou a Señora Importancia, sorprendida de que a súa exposición artística, que debería ser promocionada na sección A, aparecía de esguello na C. A Señora Importancia confesou que pensaba en alto a través do teléfono, como se actuase en paraleo á conversa que mantíñamos. Hai persoas con esa capacidade para desdobrar o pensamento e ordear a lista do supermercado mentres che explican as pasaxes do libro de Zizek que non acabaches de comprender.
A Señora Importancia levou a súa ración de argumentos sobre os nosos criterios, pero aínda me recordou que existen outros medios. A perplexidade desa impertinencia adoita arrimarme a cuestionar por que, daquela, teiman en aparecer no que me ten por redactor. O teléfono logo me achegou a protesta do Señor Importancia indignado porque a súa conferencia non fora espallada na sección A con despregamento abondo, fotografía e oropel. Eu non son adestrador de fútbol, pero podo achegarme empaticamente ao sentimento de saber que podes botar unha semana estudando ao rival no You Tube e trazando rectángulos verdes no iPad, que vas sentir na caluga a desaprobación da Familia Importancia, cuxos fillos, no fondo, somos todos.