UNHA BIBLIA E UN COLT 45 PARA SER MINISTRO
Papa Nöel deixoume unhas gafas panorámicas, a xeito de Ôscar Dalmau. Grazas a elas estou vendo a realidade en HD, reparando decepcionado en que é aínda máis de color de asfalto emlamado do que temía. Imos botarmos ao precipio dun novo ano sen dilucidarmos se ese brillo que se ve contra decembro do 2012 é que sairemos do túnel ou, case que máis probable, o tren vense a nós. Feijoo amósanos os petos voltos para fóra coma dous buratos negros por toda motivación da súa política, tan resoluta e esmagante nas postas en escea parlamentarias e televisivas con esta oposición abatida, muda a erma na proxección. O seu talento irrebatible para organizar cousas -cando escribo cousas, escribo entidades complexas humana e tecnicamente, como Correos ou o Sergas- non semella ir canda unha capacidade para xeralas na dimensión precisa ou animar a que os axentes sociais e económicos as dean xerado. A quietude, disque, é reprochable a Guerra, tan magnífico empresario como discreto xestor público. Javier sábeo, por iso quere regresar ao seu rego. O certo é que nas contadas horas que compartimos no meu cuarto do hostal compostelán, semellaba que se lle daría mellor a faciana política. No país veciño, que din os de Erresistentzia Galega, as trazas non son como para deixar o twitter prendido e ir tomar un café. Os ministros -canto me emocionaron!- xuraron cunha imposicións de man sobre a Biblia. En tempos de xigantes non abondan as leis dos homes, temos que conxurar a narrativa épica. Na cerimonia botei en falla, iso si, un Colt 45 farwestiano e sólido co que enfrontarmos a esas fortunas que nos pretenden enviar ao rescate como colectivo estatal depois de que lles financiásemos o seu propio rescate cos nosos cartiños.