BUKOWSKI BEBÍA ENTRE LIÑAS
O PRIMEIRO libro de Bukowski non parece Bukowski. Os escritores están condeados a escribir o mesmo libro. Ben, iso din os autores dun só libro. Cervantes soamente escribiu ‘El Quijote’. O resto é silencio. Pero quen pare un libro interesante despois desa xenialidade? Agora estou lendo ‘Servizo de correos’ (Hugin e Munin) as batalliñas postais Bukowksi, grazas á nova editorial de Alejandro Tobar. Tobar edita ben bonito e traduce aínda mellor. Traslada toda a expresividade de Bukowski a un galego dunha precisión que dan gañas de deixar que o ordenador sufra unha combustión espontánea e ter excusa para non volver usalo. Nunca traballarei sen emular a disciplina á que se sometía Bulowski para cumprir a xeira como carteiro. ‘Servizo de correos’ é unha novela líquida: o protagonista non para de referir o que bebeu na noite anterior e non cansa de chover. Chinaski reparte as cartas por Los Angeles baixo un ballón persistente e amolador. O protagonista vén sendo Bukowski, pero case que se sente morriña do sexo. Chinoski acóutase a presentarnos o cú da moza como agarimoso abeiro ao que arrimarse cando remate a xornada esgotado e enchoupado. Chinoski bebe entre liñas, todo o que nos conta é que se deitou atordadamente bébedo ás dúas da madrugada e ofrece ese dato tres horas máis tarde, cando xa está co seu uniforme e a súa gorra colocadiña. Nunca confía un en que un home negadamente irresponsable co seu corpo e a súa saúde, sexa incapaz de incumprir unha entrega aos beneficiarios dun servizo que non sempre lle insultan, pero que, indefectiblemente, lle manifestan o seu desprezo por un carteiro vulgar e mollado.