A FANFARRIA DO CORMORÁN
O persoal do Cabaret Voltaire foi visitar o mar esta mañanciña. Como festa de fin de ano non se nos representou na cabeza nada mellor. Camareiros, bailarinas, cómicos, músicos cos seus instrumentos e o mesmísimo xerente baixamos a rentes da ría de Ribadeo, un singular estiario situado ao norde do cantón de Galitzia. O ceo quixo abrirse nunha loaira dourada e apoucada, como eses nenos que tocan excepciolmente o piano e encarnan a distracción das visitas. A tona da auga, que estaba dun azul telefónica virado a escuro, termaba de unha presada de chalanos que se abalaban resignados, coma se agardasen unha longa cola na charcutería do Gadis. En varias oportunidades, un cormorán agromaba no mar, estricaba o pescozo a xeito de Heidi Klum sobre as pasarelas e curvaba o lombo para desaparecer na friaxe mollada. Tras perdermos o seu rastro, pedín á fanfarría unha versión dun delicado lieder prusiano do que, de quitado eles, ninguén acorda xa. Que o ano lles sexa leve, señores clientes.