DE GOBERNO NA SOMBRA A PRESIDENTE NA NÉBOA
Os gobernos na sombra son máquinas que teñen a expectativa por combustible. O Partido Popular empuxou suavemente a transición de ser un goberno na sombra a reservar un presidente na néboa. Rajoy representa agora o papel de "quintaesencia do misterio", que escribiu Norman Mailer sobre Bobby Kennedy, a quen vía "capaz de encher o espazo cinematográfico entre Mickey Rooney e James Dean". O pontevedrés anda contado de carisma, pero iso debe desacougalo tan escasamente como carecer de trinta metros de eslora amarrados en Sanxenxo. Sorpréndeme, xa que logo, a pretensión de mantelo en corentena das malas noticias e gardalo mesmo de entrevistas, ata a que concedeu antonte a EFE. A manobra é antepoñerlle a Soraya como mensaxeira, aínda sabendo que iso pode matala politicamente, pero tamén engordarlle esa aura de poder que lle flota na contorna da melena. Os medios de comunicación de Madrid acudiron en granel á convocatoria para producirlle un Cambio radical ao presidente, convencidos de que cada un deles singularmente é quen de construírle o relato do atractivo. Nuns meses, durante o reinado das enquisas que se confirmaron por unha vez, o daquela candidato pasou de galego indeciso a europeo sólido, atravesando coma unha pel de anxo esa españolidade que el arrepiña para si a cada discurso. A manobra de agochamento, interpretado agora á luz do teléfono vermello co que consulta sobre ETA a Urkullu e o abrazo catalán na intimidade, indica que o prazo apunta polo alto, a un ciclo de oito anos.