milk_vendor_door1

OS MEUS FILLOS descubriron unha vaca no centro da Coruña e chamárona Susa. Eles están medrando a base de tetrabrick e failles chiste muxir no medio dunha cidade que sabe que o campo é un espazo ideal para a práctica do golf e andar amolando aos bechos cun quad. Téñolles falado dunha vella fraca e murcha que pasaba pola casa duns meus tíos en Riazor unha vez por semana para facer un grande vurullo coas sabas. Botaba o bolsón ás costas mentres eu a observaba, arrepiado, dende o limiar do dormitorio. A señora lavaba a roupa no río Monelos, que no maxín dos meus cativos é un edificio grandeiro ao carón dunha gasolineira onde traballa a avoa materna e dende o que se ve El Corte Inglés. Faleilles sobre a muller do saco, pero nunca estou certo de que me escoiten esas anécdotas.
Aínda en máis oportunidades compartín aqueles partidos de fútbol da infancia nos que eu odiaba ás vacas de Aladino que me fornecían de leite en Ribadeo. As reses cruzaban o noso campo cun vagar que se nos antoxaba unha foto fixa. Pola noite, Aladino achegábase pola casa co seu leite marabilloso. Había que fervelo, co que perdía algo da rica densidade, pero era un leite que deixaba unha película aceitosamente feliz na tona da cunca de Nesquick. Formaba uns círculos e unhas formas alongadas tan estranas que, agardando a que enfriase, aínda nos entretíamos en recoñecer obxectos.
VACA FALSAEu sabía os nomes das vacas de Aladino. Lograra ser bo gandeiro, pero erraba coma bautista: Rubia, Marela, Florinda,... nada fóra do común no país. Os meus rapaces, como todos os rapaces urbanos, chaman vaca a toda canta vaca ven, ignorando mesmo a existencia da onomástica bovina. Eles diferenzan o leite porque saben a marca que lles sabe e a que non. A Susa si lle puxeron alcume, pero Susa é unha máquina expendedora de leite instalada, acertadamente, na praza de Lugo herculina.
Dende que a descubrimos, non hai visita á Coruña na que non lle muxamos un litro de leite. O produto é fresco e agradable grazas a uns sabores tan lixeiros e equilibrados como garanten a publicidade. A expendedora proporciona botellas hixineizadas de varias capacidades e resulta divertido asistir ao manar do leite para enchelas.
A proposta abre novas vías de comercialización para a gandeiría e poida que chegue a normalizarnos como consumidores, dado que por Europa, ao norte nos mapas, a xente consume leite do día que debería estar menos sometido a todos eses manexos que afectan ao gusto a base de sacar e poñer calcios, graxas e omegas 3.
A iniciativa das Susas está logrando implantarse e mesmo hai unha pescadería na vila biscaína de Mungia que practica unha variante: Colocou un trebello para expender lombos de pescada, sargos e o que peixe cadre limpo e envasado. Todo o que se perde son as parrafadas que se podían botar con Aladino cando viña entregar o leite.