O CATWALK DA UPG EN AMIO
Nunca comprendin a lóxica concatenación pola que un pobo que baila erguendo os brazos se suicida tanto. Asumo que nunca o entenderei, como me desconcerta que non se poña a disposición da terceira forza política do país unhas instalacións máis dignas cun desabrigado recinto feiral e unhas cadeiras de plástico para xuntar cinco mil persoas. Sigo perplexo. Tamén polos resultados do congreso do Bloque que rematou onte. Non vou cuestionalos, porque foron a maioría decidiu e non pertenzo ao colectivo, pero non deixo de preguntarme polo futuro da fronte e, xa que logo, de Galicia. A UPG realizou un espectacular e poderoso catwalk no mercado gandeiro, paseouse firme e erguendo a fachenda, pisando con seguridade sobre a vitoria. Logrou os obxectivos de marcar os contidos e as formas -as ideas e os candidatos que van defendelas-. Poida que un asesor de imaxe logre un pouco de charme para o eficaz parlamentario que é Jorquera e mesmo poida que algún pigmalión consiga que Guillerme Vázquez se solte a formular algunha teoría política de seu, pero hemos tardar unhas semanas en saber se gañaron na práctica. Mal empeza Lores desprezando aos galeguistas que non son nacionalistas, este señor non debe de ler as porcentaxes de sentimento nacional galego no CIS e menos comparalas co voto nacionalista. Guillerme soubo ser elegante e embutiu o seu discurso cunha desas frases feitas coas que vai apañando a aletrada clase política que nos goberna e nos oposita a falta dunhas nocións de oratoria: "non hai nin vencedores nin vencidos". Porén, eu penso que si, que hai vencidos -Encontro Irmandiño e Máis Galiza, obviamente-, pero tamén a propia UPG. Quero pensar que os membros de APU teñen interese en ocupar o Pazo de San Caetano, cando menos a súa á oeste. Por iso me sorprende a contundencia coa que se empregaron no combate. Non podes noquear ao teu rival se vas precisar dos seus medios para avanzar. Soamente venceron se non quedan sós e os modais foron bruscos cara aos perdedores. Acreditei ata o derradeiro momento que Aymerich sería o retoque estético para as eleccións de outono, aínda sen sentirlle no pulso moito fluxo sanguíneo para emocionar catodicamente, que é onde se consiguen as presidencias como sabemos dende o debate Nixon-Kennedy. Esperei ata a fin a que se concedese a Beiras, o guía alpino que conduciu ao BNG ata as 17 actas no Hórreo, unha retirada sen vergoñas, convidándoo a que dese un deses discursos nos que lle asoma a Sorbona pola cabeza. No canto, aturou asubíos e educación de arrabaldo. Con todo, o máis deshonesto resultoume que se obviase pedirlle consello a respecto de como logrou liderar o segundo grupo na cámara. Houbo, claro, vencedores. O campión en Amio, polo de agora, é Rafa Vilar e o seu Movemento Galego ao Socialismo. Vai estar na mesa do Consello Nacional coa capacidade para mirar a un lado ou a outro, e para erguer a man segundo considere. O misterio para min é a súa capacidade para administrar ese poder de desempate. Descoñezo se a ten ou non porque onte sumouse aos antigos camaradas en toda canta ocasión tivo. Dentro de Amio tamén estaba Martiño Noriega, quen se reservou do blitzkrieg rival; dáme a sensación máis por medo a ser esmagado como lle aconteceu a Aymerich ca por cálculo. Nas fotos que mirei por internet non vin a Teresa Táboas, a quen imaxino soñando feliz destas horas nas que a xornada humana cambia de data. As portas para un proxecto que recolla os valiosos refugallos nacionalistas e socialdemócratas para sumalos aos nomes da dereita galeguista coa fin de representar unha boa parte da sociedade quedaron abertas no recinto feiral de Amio. De par en par.
Fotografía: 'Homme aux bulles de savon' (1950) Izis Bidermanas