Norma JeanDon Honorio tiña un perfil atraente; non escribín atractivo, escribín atraente. Aquel cura agochaba un sorriso difícil baixo o aspecto escuro, pero non semellaba perverso. Ao contrario, a estrutura da súa alma transparentaba tan sinxela que nin debía de caberlle un recuncho para perxudicar ao próximo. Supoño que nunca se propuxera o mal porque pouco decidía sobre a súa conduta. Seica era burgalés e fillo de garda civil, que son dous marcadores xenéticos que aflúen cara ao sacerdocio con mansa naturalidade. Acabou destinado en Ribadeo. Os defectos de Don Honorio eran tan escasos que soamente sumaban un: convidarse a cear pescada do pincho ("teño o estómago mal") cada noite na casa dun feligrés. A maiores, apoderábase do mando do televisor nunha prolongación do seu deber de censura moral e ficaba aferrándoo coa firmeza do rigor mortis mentres botaba a soneca puntual no sillón dos testaferros para negociar con Cristo. Don Honorio impartíanos clase de relixión no instituto. Daquela non era como agora, que o bispado envía o corpo docente que financiamos todos; daquela dábase por enviado. Das súas aulas lembro que intentaba aprendernos cousas do cristianismo. Eu, que lía a Cunqueiro, atendía a aquela corte das milagres, pero Moreneta era xa bastante máis crítica ca media e non paraba de cuestionarlle cousas ao representante de Xesús e el non se resitía a razoar sobre os motivos do Vaticano para non malvender todas as súas riquezas artísticas e advenir a chegada de Deus uns meses antes. Nada sabía eu da Teoloxía da Liberación, penso que More Santiago tampouco, pero me perdín experimentos fascinantes como os pans e os peixes multiplicándose sen que houbese un Baltar tras do misterio. Don Honorio defendía que os pobres recibirían os seus 400 euros da Risga unha vez difuntados. Daquela, con Moreneta e o coitado do sacerdote en modo debate de La Noria, María José tramou un divertimento. Estou certo de que non lera o que escribe Mark Twain en Cartas desde a Terra (editouno hai un par de meses Faktoría K) de que "o home imaxinou o Ceo, pero deixou fóra o gozo supremo, ese éxtase que ocupa un lugar principal no corazón de todos os individuos da súa raza (e da nosa) e que é a práctica do sexo".  A carencia deste deporte de ámbito pechado non soamente deixa coteno e aparvado ao individuo, senón que, segundo contaba María José, a abstinencia deforma o esterno combando o peito. Dende que me revelou aquilo, non volvín botar en falta o ilusionismo bíblico nin aborrecer o informe de agravios de More, botaba as clases buscando o perfil curvado de Don Honorio.

Photo. Model: Norman Jean. Photographer: Richard Avedon.