NO BLOQUE MARCHAN POR INANICIÓN
Son as seis da mañá. Veño de quecer unha triángulo de tortilla e facerme un café. Erguínme desacougado por saber o que aconteceu no niño. Vivo nun terceiro andar dunha vella casa cun xardín que renovan mensualmente dous rapaces armados con trebellos de formas estranas. Cada abrente, mentres os meus durmen e o gato miaña o seu almorzo, miro pola ventá da cociña o niño que unhas pegas constrúen pousadamente primavera a primavera. As pegas volveron demasiado cedo este ano e atoparon o seu vurullo regulamentado de ramalliños ocupado por unha rulas turcas, unhas aves cunha banda verde brillante no pescozo que moven espasmodicamente para albiscar rivais cos ollos de alfinete negro. Volvo ler a sensatez colérica de Beiras. Levo trinta anos lendo a Beiras: "marchamos por aclamación", proclama el; pero, como teño unhas lentes novas, leo: "marchamos por inanición". As pegas volveron en xaneiro para atopar o niño ocupado polas pombas e axelado polo inverno. Marcharon; por aclamación, seica. O eterno retorno de Beiras ten unha natureza fascinante e asemade decepcionante. O nacionalismo ten que recorrer unha e outra volta ao vello capitán para que dirixa a manobra que retire o barco dos farallóns. Beiras é Fraga. Iguálaos a vehemencia e a sorpresa de erguerse un día asumindo que debían deixar de lado o inmenso caudal teórico que lles flúe polo cerebro para meterse no lameiro. Fraga decatouse moito antes do pracer de ser poderoso e despois sobreviviu mamando do teto da loba, dende El Pardo a San Caetano. Beiras tardou, pero foi deixar de ler na biblioteca para empezar a ler na rúa e triunfar co 24,8 % e os 18 parlamentarios. Agora el sabe onde está a política porque política é gobernar e porque o pobo (e non Bautista, como cantaban no Avante) é quen máis ordena. E ordena, e moito, Partido Popular. O nacionalismo volve negar unha vez máis a súa esencia: unha nación non se ergue mirando cada un para un lado. Beiras, (manda carallo que teña que ser un señor de 75 anos) volveu prender o seu diálogo coa realidade. Recoñése bandeira a seguir; porque, por moito afán colectivo que alente os discursos, todo movemento humano require un lider e unhas elites á fronte. O noso Adenauer é consciente de que a marxe temporal é breve. Tanto por unha cuestión biográfica persoal como por un problema agoniante de que restan meses para as eleccións nas que Feijoo vai enxuagar a esclerose do país coa desbandada da oposición. Onte marcharon Encontro Irmandiño. Antonte, sumáraselles Esquerda Nacionalista, que debe de ser o partido que máis se parece a Galicia porque son todos de Lugo, moi afables e adoitan tomar os viños en cuadrilla. Nestes días irán dándose de baixa os que restan. A máis habelenciosa, coma adoita, foi Táboas. Esta muller sabe administrar sabiamente a súa ambición. Marchou sen chistar, sabedora de que os xornalistas irían buscala e que iso lle daría un plus de elegancia para situarse na cabeceira unha volta que Beiras volva enderezar o rumbo e se retire ao camarote. Dentro do Bloque, case que debería escribir fóra do Bloque, fica Paco Rodríguez seica disposto a inmolar aos seus dun xeito tan idealista como torpe. Debe de pensar que lle abonda con encirrar a Bieito e agarimar con Pontón. Inhablitados, como están, para dar o brazo a que llelo belisquen e desprezando, destas alturas, as teorías quintacolumnistas de Piñeiro. Trataba eu estes días de establecer un paralelismo entre o drama con corifeo do nacionalismo galego e a debacle PNV/EA, preguntándome se haberá acordos electorais a posteriori. Ese semella ser, cun tempo axeitado para o sosego, o lugar de encontro do rueiro, toda vez que o noso independentismo organizado alén a UPG semella eficaz na defensa do reintegracionismo e ineficaz no resto. Non teremos Bildu. Os que se botan para fóra do niño e os que fican con el acabaran xuntos noutra primavera. Vaian comprando logo uns bocadillos e unhas botelliñas de auga mineral que a espera vai ser longa. Isto vai para outra década.
Photo: Rue Montorgueil (1953) Robert Doisneau