artwork_images_162052_627979_henri-cartier-bresson

A natureza balcánica do socialismo vigués fáiseme tan íntima como o vademecum da miña nai. Carlos Príncipe adoita arrepiñar a palabra aos colegas nas noites da Radio Galega para amosarnos unha e outra vez o seu expediente, ese historial médico no que se recollen todos os virus e bacterias que foron tumefactando o seu liderado da socialdemocracia sureña. Príncipe nunca pasou de estrela anana e acabou por extinguirse para todos menos para esa illa de Elba que pagamos a escote todos os galegos para nos volva recrear os seus austerlitz. O que amola é que Príncipe garda experiencias, outras, ben interesantes; que sabería contalas con retranca  e autoparodia e, se se pon, mesmo lle nace o galego na emisora que financiamos para defendelo. O problema de Príncipe é que era cernudamente de Vigo, Abel Caballero detectou esa cepa e decidiu atacala cun antibiótico chamado La Coruña na estratexia de Paco Vázquez(A Coruña, para entendérmonos). O actual rexedor determinou o español como lingua vehicular nunha viraxe estratéxica cara á rúa do Príncipe e, asemade, a industria sanitaria que comercia na fortaleza de Valença do Minho. A maiores, encaixonou o termo colectivista e impersoal de Concello para centrarse na verba Alcadía, que remite evidentemente e sen intermediarios ao seu despacho. O outro día confesaba que quería "xogar na división española". Eu tamén quería, pero supoño que Abel se refería a outra cousa. Quere xogar na división española, pero non perder de vista a galega sabedor de que, no mapa político socialdeguista, Galicia capital Vigo. Mantén con afouteza o Desafío Silva, ese cospedalismo plurirepresentativo que utiliza para moverlle os marcos a Pachi Vázquez na espera de que o regreso de José Blanco. O exministro veuse adiado pola Operación Campeón e achegado agora polo deitamento de sumario. Caballero agarda a que lle saquen dediante o secretario de Organización para atoparse co palense fronte a fronte para negociar a parte de finca que lles corresponden a el e máis ao seu Vigo. Pachi anda encerellado no papel do príncipe (non do pediatra) de 'Henrique IV' de Shakespeare: velando o soño do rei, cede á emoción de se probar a coroa con tan cincenta fortuna que o monarca acorda e o sorprende. Blanco está acordando do seu pesadelo e vai regresar para sacar a coroa a Pachi e, eu aposto (soamente iso), entregarlla ao seu curmán. Besteiro, tan omnipresente provincial lucense como desapercibido fóra, ten unhas mans grandeiras e un enxeño veloz para divertir audiencias. A Blanco non se lle escapa que é tan flexible como el precisa para gobernar de facto o seu país, aínda que o seu país sexa outro máis pequerrecho dese no que ministrou.

Photo: Henri Cartier Bresson