Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
19 février 2012

PERITO EN CADUCIDADES

SEICA vostede leva anos preguntándose se na orbe occidental pode haber alguén tan confiado como para esquecer mirar as datas de caducidade dos alimentos envasados. Hai. E son eu. Máis ben era eu ata que mirei a película ‘Chungking Express’. Wong Kar Wai inventou para ese filme un policía hongkonés abandonado pola moza que busca de xeito impulsivo latas que teñan o 1 de maio como data de caducidade. O deber moral que se impuxo o axente de corazón esmagado nada ten que ver con aquilo que chamabamos rCADUCIDADE LATAeivindicacións laborais, senón con que ese día cádralle o aniversario do nacemento. Algunha elucubración empúxao a convencerse de que será a data na que a rapaza volva pasear con el polo parque e botar pan seco aos parrulos, eses exemplares afortunados que se librarán de ser carne de pato á pequinesa. O ritual que marca require que o policía procure envases con data o máis achegada posible a ese primeiro de maio para que a moza o chame máis antes ca despois.

O policía daría ben nas nosas tendas e supermercados porque, a cada volta de noticias sobre recesión na Zona Euro, os comerciantes apuran máis os prazos. Algo lóxico, porque os corazóns non están para bombear alegrías nin regalar céntimos.

Grazas a Wong Kar Wai estou mudando nun coñecedor de caducidades. Sei, por exemplo, que debo tirar os produtos callados cando pasan dous ou tres días dende a data impresa. Os iogures, flans e mouses son abundantes en azúcares e proteínas; elementos que alimentan ás bacterias que dá xenio velas porque medran rubias coma un San Luís. A rixidez é menor no caso dos lácteos, que aínda che dan a marxe dun par de semanas cumprido límite de consumo aconsellado. Mesmo pónselles un punto ácido que a min me acae simpático en tanto en canto sexa leve.

CADUCIDADENo caso de tés ou cafés, podo bebelos por moito que repousaran no bote; o único que perderei será o cheiro, pero un café que non recenda acáeme como Mónica Belucci con traxe de soldador. Problemas de olores poden causar tamén os conxelados, que aínda tiran un ano, coma un noivado mantido a través de Facebook. O malo son as carnes, que se impregnan dos cheiros dos envases. Disque a auga, o zume e os refrescos deben consumirse segundo mandan os señores fabricantes porque poden verse afectados polo envase.

Estudar o asunto das caducidades tamén reporta sorpresas agradables, como é o caso do chocolate, que é ilimitado como as historias de amor máis bonitas e secretas. O axente da película debería ter buscado chocolate para conservar o cariño da rapaza. Ignora, dende logo, que as latas de conservas son bastante seguras. Se non están deformadas nin oxidadas podemos abrilas coa confianza limitada de saber que poden perder olor, color ou sabor. Pero o máis sorprendente do amor é que, a maiores de incomprensible, non cheira a nada, nin ten calor, nin sequera sabe.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 435
Publicité