Sydney_2009_World_Masters_Games_5

Xosé Ramón Gayoso sufre o mesmo andacio ca Beiras: púxoselle cara de expresidente sen telo sido. Eses riscos solemnes, tan cargados de aura patrimonial como exentos da oxidación celular, son o único signo de estabilidade emocional ao que pode aferrarse o país por moito que Feijoo albisque loairas no horizonte. Luar é o noso No-Do, o espazo de encontro coas seguridades que nos restan vivas no fondo do corazón para poder manternos firmes sobre ese convencemento enganoso de que o temporal acaba pasando. E pasará, pero desconfiemos de que non barra todo antes. Gayoso ten cara de Consello Consultivo, de director de NovaGalicia Banco ao que podes deixar encargadas unhas letras do Tesouro sen temer que che falsifique a sinatura; de pai que, se descubre ao fillo entrando bébedo na casa, mándao para cama procurando que non esperte á muller; de pallaso serio; de sparring dos Camela. Hai algo sinistro en tanta amabilidade; non sei, quizais sexa a miña percepción de que todo mude e que o contido do programa sexa un eterno loop, cos seus Cantores de Hispalis declamando arroz con chícharos, patacas novas, e co seu público convidado importado en autobús como un premio da Cámara Agraria á laboriosidade. Escorrégame pola columna vertebral un calafrío mirando que Gayoso aínda seguía alí cando acordo, con ese traxe correcto, ese reloxote prateado e esa pouca intención de variar nada no planeta que non sexan as copresentadoras, que adoitan ser máis esveltas e erguerse nuns tacóns, polo que fan sombra incómoda. Xa o dicía Morrisey: Hai unha luz que nunca se apaga. É a luz do candil.

Photo: Sydney World Masters Games 5 (2009) Craig Golding.