sibylle-bergemann-das-denkmal-east-berlin-the-monument-east-berlin-19861

Cada oposición ten o goberno que se merece. A nosa merece este goberno que vai camiño de superar a limpeza da folla de servizos de Fernández Albor. Polo de agora, naufragados os bancos, iletrados os barcos, coa industria facendo augas e a cultura coas máquinas a ralentí, semella que chegaremos a outubro sen moito que contar nos mitins. Tanto por falta de logros como por falta de alternativa á que criticar. O Bloque ben sabemos que se vai esfarelando sen que o soberbio absurdo de reclamar actas, a prudencia erma de Nogueira e a falta de respecto de Aymerich ao adiantarse á militancia que encabeza, vaian achegarlle solidez. No PSdeG a carga desprazou dunha banda do mercante á outra. Pachi Vázquez rexeita sentirse inquedo, pero el e máis eu sabemos que está desacougado porque pasou de atender a quenda de José Blanco mentres este acudía solventar unhas encargas en Madrid a convertirse nunha curiosa oposición a Pachi Vázquez; ergo, a si propio. Quero dicir que Blanco, unha vez cun pé fóra do lameiro ao que o empuxou Dorribo, botou contas e optou por renunciar ao ourensán de palla que se creara para que lle encabezase o sector oficial a crearse unha exministra de palla para que lle lidere o sector crítico que, no sucesivo, denominaremos oficial, pasando o oficial a ser coñecido como crítico. Que alguén dos que están na sala dea un telefonazo de advertencia a Pachi, non vaia ser o demo que siga facendo campaña para os 'oficiais' e que atope na mesa do despacho un marco cunha fotografía en bañador de Espinosa, Caride ou Besteiro. Os tres dánse un xeito coa imaxe, e non Xocas, que debe de ser o que calculou Blanco: para presentar un cartel anodino, presenta el o seu cartel.

      photo: Das denkmal (the-monument-east-berlin) Sibylle Bergemann