friedlander_selfportrait_haverstraw

Algúns estómagos teñen unhas elasticidade especial. Grazas a esa cualidade, resisten mellor as contracións. Onte vin aparecer a Pachi Vázquez nun acto en Lugo. Unha nube de xornalistas voou onda el para preguntarlle por Elena Espinosa. Escoitar aos políticos co micrófono aberto é aburrido, case que podes escribirlles o discurso porque vas ser máis orixinal ca moitos xefes de prensa. Por iso non atendín ao que falaba: algo sobre "ilusionado", algo sobre "compañeiros e compañeiros poden presentarse". Dei por suposto que falaba do concurso para o Sergas. Atendín ao seu corpo. Proxectaba a cabeza e o tronco cara adiante, como se quixese fachendear dos resultados dunha nova locción postrasurado ou algo. A pel da súa cara estaba tensa e fraxil coma a tona cun tanque de leite, que logo se quebra. El tamén se manifestaba inquedo, descougado. Se avanzaba así o corpo pode que se debese a que non cría nas súas aseveracións. A José Blanco, cando lle acontece iso, nótaselle en que se ergue sobre as punteiras e estrica o pescozo coa voz máis aguda, coma un bailarín de clásica quentando. Onte vinos xuntos, falando, a Pachi e a Blanco; departían en presenza dun ausente González Laxe. Formaban un círculo imperfecto cos corpos, pero as miradas xiraban nunha espiral centrífuga e enfocaban o chan a maior parte do tempo. Blanco rexeitou falar cos periodistas porque é un "militante de base", que resulta tan verídico como cando a prensa da villa y cohorte nos vendía a El-Rei como "campechano". Orozco e Besteiro conversaban aparte, ambos os dous relaxados, pero cada quen ao seu xeito. Orozco miraba á fronte, con toda a solvencia de quen sabe que o máximo que pode arelar un rapaz da costa é ser alcalde do sitio de onde proceden os veraneantes do seu pobo. Sendo de Foz, hai que soñarse rexedor de Lugo. A súa maxistratura é vitalicia, polo que nada vai inquedalo. Besteiro é coma os seus traxes: sabe que lle van lixeiramente cativos, pero non ten demasiado agobio por mercar un aquelado. É consciente de que Blanco quere propulsalo cara a San Caetano, e parécelle ben, pero, se non vai para aló, pois continúa sereno e ditoso en Lugo. Entre mentres se producía ese Ballo in maschera en Lugo, Espinosa sometíase a unha proba da pasantía no despacho de quen lle dirixe a tese electoral, Abel Caballero. Caballero é vazquista, pero non como lle gustaría a Pachi, polo que saberá manterse acoutado en LaCoru viguesa que agora goberna. Aprendeu na cabeza allea e engominada de Paco Vázquez que o discurso en español cantonés casa pesimamente co suave recendo galeguista a país. Dou por suposto que Caballero alcanza tamén a reparar en que Espinosa non dá xuntado para unha candidata, que suma trescuartos de candidata, coma eses abrigos que cubren da choiva e o frío, pero non totalmente. Como moito, é unha candidata a ser candidata porque as olleiras fórmanlle uns circulos coas cellas que lembran a unhas gafaspastas e iso non atrae a un elector, pero que lle serven para amoldarse á plantilla que se usa de modelo para secretaria xeral do PSdeG. O ioga achega uns exercicios moi eficaces para que medre a elasticidade do estómago.


Self-Portrait (Haverstraw, New York; 1966) Lee Friedlander