xadrezOS MEUS sogros cumpriron o décimo aniversario de casados o pasado 29 de febreiro, malia que celebraron a voda hai corenta anos. Disque todo banquete nupcial ten os seus langostinos e o seu dúo de organista e cantante, polo que eles deberon buscar que o seu día especial fose intensamente especial. Cando menos é especial cada ano bisiesto. Na miña voda convidamos a once persoas para sumar trece, pero foi esperable porque se cantaron varios volumes de folklore cantábrico e cortamos a tarta a dúas mans xunguidas nun único coitelo. Tras as singularidades atopamos un intento de sosprender á posterioridade e de gañarnos admiración pola nosa audacia. A partir de certo avance na vida, cando se dobra o cabo de Fornos dos corenta, a única posteridade á que facemos de modelo é a que se perpetúa nos fillos. O meu cativo, Antón, botouse a xogador de xadrez a primeiros deste mes. Comprei un manual porque nunca lle atopara a lóxica a ese matriarcado no que unha muller todo o domina e o seu home limítase a moverse torpemente polo campo de batalla evitando que un cabalo que salta en ‘ele’ ou unha torre veloz arramplen con el. Estudiei para poder aprenderlle unha técnica básica ao pequeno. Aprendinlle tan eficazmente que xa me gaña, pero non me importaba porque me sentía referente. O pasado domingo confesoume que as miñas ensinanzas de nada lle servían porque me derrotaba «sen necesidade de pensar».

Photo: Ray Charles and his chess board.