lake

O RÉXIME ANTERIOR non foi so algo que existise en España. En Alemaña do Leste tamén tiveron réxime anterior. Como circunloquio dá vergoña allea, pero debe achegar paz de espírito aos que usan ese termo. Herta, que vivía nunha zona rural e arraiana entre a Xermania demócrata e a comunista, asistiu con espanto a que lle erguesen un valado de tres metros entre a súa granxa e o lago no que se bañaba. As autoridades da RDA fixeran un exame moral e decidiran que uns metros máis alá aniñaba o capitalismo corrutor. No verán debía coller as fillas e o Trabant para percorrer un cento de quilómetros coa fin de mergullarse no Báltico. Ela aínda o lembra hoxe con estupor. Porén, non deixa de perdoar como unha miseria antiga andar da casa á corte carrexando unha bombilla. O réxime anterior decidira que unha bombilla abondaba para ser un proletario limpo de hedonismo burgués. Herta desenroscaba e enroscaba bombillas para que as cativas fixesen os deberes e muxir nas vacas. De cando en vez, algún veciño arriscaba a nadar ata a beira do lago e regresar cun perigoso contrabando de bombillas. As autoridades gregas e as revistas de benestar aconsellan comer a modo. Cadran na recomendación, pero o motivo é distinto: os gregos deben facelo porque mastigando ben sácianse antes e aforran. Gustaríame e saber a opinión de Herta e dos comensais helenos sobre o lucense que decoraba a súa casa con colmillos de elefante.

Photo: Lake of the sad child (Coatepeque, El Salvador; 1999). Luis Rolando Villeda Pacheco