fat

HAI UN MONSTRO que respira dentro de cada un de nós. Melvin Maples, o protagonista da última novela de Amélie Nothomb —‘Una forma de vida (Anagrama)— púxolle nome feminino e de belas resonancias a ese monstro: Sherezade. Todos temos unha parte (ou varias) de nós que aborrecemos. Normalmente é algo físico e evidente, porque é a primeira información que facemos. Os nenos son bos descubridores de monstros. Non lles escapa un compañeiro repoludo ou menos intelixente; menos, un miope. Os cativos carecen de fronteiras, cando se poñen a manifestar crueldades, son falabaratos. Supera iso, semellan desafiar. Nothomb colecciona autobiografías de monstros. Encántalle que lles escriban cartas, contesta habitualmente a uns dous mil correspondentes. Os intercambios de textos manuscritos cun soldado norteamericano en Irak alimenta, no senso máis literal, a súa última entrega literaria. O militar cóntalle que a tensión do inimigo incerto e a abundancia de lambetadas ao seu dispor inflárono ata o punto da perpetrar a tolemia de pesar 55 quilogramos a acadar os 185.En oito meses de matar e padecer horrores, Melvin Maples inventouse unhas desas ficións que nos axudan a sobrelevar a tonelaxe cotiá da vida. No seu imaxinario, agrupou toda a graxa que triplicara o seu corpo e recompúxoa coa identidade desa muller á que chama Sherezade. Nomeou o seu monstro porque bautizar os terrores é o primeiro paso que nos aconsellan os manuais para vencelos. Sherezade déitase todas as noites sobre o peito do soldado. Certo que oprime incomodamente, pero conta unhas historias que o axudan a durmir coa eficacia das nanas.