EMILIA PARDO BAZÁN debeu de nacer setemesina porque sempre andaba co reloxo vital apresado. En 1892 fundou a Biblioteca de la Mujer, que pretendía achegar as novelas e ensaios que circulaban pola Europa da altura á intelixencia feminina española tanto pola banda da actualidade como pola do feminismo. A colección cesou de publicarse na novena entrega porque non se vendía.
Para compensar ao editor de tan avanzada e ruinosa iniciativa, meteuse a facer un inventario dobre de receitas: ‘La cocina española antigua’ e ‘La cocina española moderna». Xa que as mulleres seguían censadas na cociña e determinando os menús, a autora coruñesa foi buscalas alí dentro. «La opinión sigue relegando a la mujer a las faenas caseras», protestaba constatando o atraso.
O libreiro Xesús Couceiro vén de recuperar ambos os volumes nunha bonita edición facsimilar ao coidado de Fausto Galdo e Guillermo Escrigas.
O criterio ao que atende Pardo Bazán nesta antoloxía sobre uso de potas e tixolas é nidiamente patriótico. A súa aposta pola cociña española non escatima en entrega patriótica. No recetario de pratos tradicionais non ten dúbida para delimitar e manter afastada toda influencia exterior. «La cocina española puede alabarse de sabores fuertes y claros, sin ambages de salsas y aderezos», proclama no limiar. Atopa Bazán nela «unha cierta tendencia vegetariana», algo que remarca con retranca e consideración no caso do caldo galego. Constata que «los pobres aldeanos sólo rara vez pueden agregar al cerdo un despojo del cerdo que salan en su artesa».
O contrario acontece no seguinte volume, onde se amosa partidaria de aceptar certos pratos ou xeitos de preparalos. Convencida de que «ya no nos basta la olla volcada, ni sufrimos el mantel moreno y gordo de nuestras abuelas», insiste en importar costumes e técnicas, «copiar de lo francés el chiste y garabato con que transforman un rábano en una flor, y con que a fuerza de cacharros cucos, chismecillos de cristal y plata, servilletas diminutas orladas de encajes, y otras monerías y juguetes, realzan el valor de lo que ofrecen en apetito». Chama, logo, a cultivar «el arte de comer con los ojos» porque «la comida más corriente y barata admite escenografía».
Emilia Pardo Bazán non perde de vista en ningunha dos milleiros de liñas de ambos volumes sobre cociña española que está indicando o camiño de Europa ás integrantes «das clases medias». Impele, así, ás «señoras» a coñecer e decidir sobre o que se coce ou se guisa nas súas cociñas. Lánzalles, porén, unha advertencia referente a que «si las señoras quieren hacer el guiso, deben dejar a las criadas que manipulen la cebolla y el ajo porque sería muy cruel que conservasen entre una sortija de rubíes y la manga calada de una blusa un traidor y avillanado rastro cebollero».