Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
19 mars 2012

RAJOY SABERÁ DOMINAR OS SEUS IMPULSOS GALEGOS

AMACAARQ-P35535

Mariano Rajoy ten bastante desenvolvida a capacidade para expresar unha idea e a contraria dun mes para outro sen que, aínda, se decate a platea. Nese campo de falar sen inclinarse por arre nin por so o master and commander é Fernando Ónega. Resulta unha delicia escoitalo no manexo excelso do sofisma. Rajoy móvese en estadios inferiores da oratoria vacua, polo que abusa da fórmula "non son partidario". Cadra a expresión coa do chiste que contaba o meu pai. Un home escaso en verbalización ía escoitar misa. A muller, exasperada polo seu monólogo doméstico, preguntáballe sobre o que disertara o cura, máis ca nada por prender o diálogo. "Falou do pecado" "E que dixo o señor cura, meu rei?" "Que non era partidario". Ben, Rajoy tampouco non era partidario de subir os impostos. E subiunos. Onte proclamou que non era partidario do copago sanitario. Rubalcaba deduciu pola súa conta que, xa que logo, vai impoñelo. Aínda que o principio de que o presidente de España actúe en contra da tendencia forte e veleidosa da vontade pode resultar loubable para esas seitas relixiosas que animan a controlar os impulsos naturais. Imos ao noso país, que é o que nos atinxe. Rajoy manifestoulle antonte a Feijoo que era partidario do AVE e do sector naval galegos. Se reparan vostedes, respectados clientes do Cabaret Voltaire, o mandatario español adianta o beizo inferior cando emite un discurso, como se tratase de recoller as palabras antes de que marchen da súa boca, coma se fose partidario de non ter formuladas esas promesas. Lembren, se fan o favor, a lección do día: Rajoy é partidario de financiar un TBR (Tren Bastante Rápido, que non un AVE de alta gama) a Galicia e tamén é partidario de que os obreiros do naval poidan traballar. A idea forza vén sendo: Rajoy ten unha inclinación de natureza conxénita, pero agarda poder lindala polo ben de España e máis de Montoro, que é non que andamos. Feijoo vai comprendelo, refreando eses folgos reivindicadores daqueles tempos de Zapatero. Aínda que pareza mentira, xa pasaron seis meses dende aquel entón e parece que marcharon nun suspiro.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 429
Publicité