HENRY KISSINGER ESTÁ DE VOLTA EN GALICIA
HENRY KISSINGER recoñecíase confuso diante de Norman Mailer naquel serán de 1972. O conselleiro de Seguridade Nacional facía por recompoñer o mundo como tapado de Richard Nixon. «Negociar cos rusos é doado: se ti queres cambiar unha coma no acordo, eles pediranche que cambies outra», comentaba, para proseguir: «Os chineses son máis complicados. Tes que razoarlles por que queres poñer a coma», apuntaba. Pero o peor para Kissinger «eran os norvietnamitas, porque cren que os vas enganar mesmo en puntos nos que é imposible que o fagas». Mailer non se resistiu a intervir sinalando que «deixaron caer tantas bombas sobre eles, que é difícil...». Mesmo as vitorias deben erguerse ata un certo nivel de negociación e xenerosidade. Kissinger conta no seu libro En China o xeito no que un principiante Mao, ao pouco de conquistar Pekín, venceu á India. Un conflito polos marcos entre ambos os países provocou unha guerra que gañaron os chineses. Despois, Mao ordenou liberar os prisioneiros e devolver o material militar do inimigo. Asistimos a un tempo de medir triunfos políticos en Galicia. Son triunfos de escaso folgo e inestables. O Bloque xa padeceu unha amputación considerable por vencer con mal xeito. No PSdeG están á expectativa, pero xa lle escoitei nun acto de homenaxe a Díaz Pardo en Lugo ao transunto de Kissinger que, a partires de agora, vai vir todas as semanas polo país. E xa non é tempo de negociar.