O APARELLO está por inventar. Viríanos ben adiantarnos unha década e dispor dunha máquina para interpretar os soños. Consistirá en colocar uns sensores na cabeza da persoa que está soñando para que as imaxes que lle transitan polo cerebro poidan ser reproducidas nunha pantalla de plasma. Sería práctico, por exemplo, para conocer o ámbito onírico dese empresario que teima en ser o campeón dos delincuentes implicando a todo censado maior de 18 anos como presunto malvado grazas á súa maña. O relato que está construíndo día a día é amplo e detallado, pero un empeza a dubidar sobre a porción do relato que lembra e a porción que non se corresponde cos aconteceres que viviu senón con aquelas «fantasías, asociacións e sentimentos» dos que nos advertía Freud. En todo caso, xa o sinalaba T. S. Elliot, «a nosa responsabilidade empeza nos soños». Como consecuencia do seu discurso sen fronteiras, hai toda unha cidade empuxada ao borde dun ataque de nervios, con chamadas histéricas para coñecer o contido da narración. O final da historia supera en aspirantes a coñecelo a eses contidos en folios que J.K. Rowling gardaba nunha caixa forte para manter a aura de Harry Potter. Máis ca un alcalde, a cidade revelada polo industrial no seu informe memorístico de cartos entregados e coches regalados, empeza a precisar un psicoanalista, que se rodee non de concelleiros, senón de sanitarios.
PHOTO: Crossing Brooklyn Bridge (1993) © David Beckerman