mercredi 11 avril 2012

GALICIA, NACIÓN POLIGONEIRA

2cmllp2

En Galicia somos moi poligoneiros. Poucos municipios pequenos carecen de parque empresarial abandoado. Non é tanto que nos reine a arqueoloxía industrial como que pensamos no futuro dos fillos. Queremos deixarlles a leira, pero aplanada, con traída de auga e luz. Tanta orde non afecta á mente abstracta do galego, que agradece que lle dean solucionadas as rutinas. En política somos partidarios de que nos escriban as candidaturas e mesmo os gobernos, polo que mantemos os gobernantes ata que se retiran. Xosé Cuíña nunca saíu da sombra de Fraga porque a seca podería deixalo teso coma un bacallau. Porén, no nacionalismo houbo quen marchou por mor de que a sombra vai minguando ano tras ano. O polígono que nos queda agora rompe a regularidade porque as coordenadas dereita-autonomista/esquerda-galeguista están desequilibradas. Se xurde un novo partido, que disque unha enquisa o sitúa por riba do Bloque, o galeguismo de centro-esquerda terá estrés por competencia. Os carteis das provincias que augura Alberte Mariño estarían integrados por Beiras, Táboas, Pérez Bouza e Lage. Eu non desbotaría a Rafa Cuíña nas grandes fotos que se colgan nas farolas dos polígonos industriais, na entrada das vilas. Non ha tardar en dar o paso que temeu dar o pai e afastarse da sombra protectora do PP. Promove xuntanzas con industriais para expoñer e expoñerse, e dar un pulo a unha nova empresa.

Photo: Cartier Bresson


Posté par Jaureguizar à 00:00 - - Commentaires [3] - Permalien [#]


Commentaires sur GALICIA, NACIÓN POLIGONEIRA

    Unha pregunta posible é se os industriais especularán aquí. Sic.

    Posté par Xosé M. González, mercredi 11 avril 2012 à 00:51 | | Répondre
  • No novo partido? Non vexo a moitos

    Posté par jaureguizar, mercredi 11 avril 2012 à 01:20 | | Répondre
  • E contribuíndo (sic, outra vez)? Porque, se nin isto nin aquilo, que efecto terán as xuntanzas promovidas?

    Posté par Xosé M. González, mercredi 11 avril 2012 à 01:48 | | Répondre
Nouveau commentaire