PublikatBikeArtP246BicycleBallet_medium

España anda ciclotímica. Por moito que toda esa corrente neoconversa de columnistas madrileños narre con ornamento épico o moito que resistiu Mariano Rajoy os embates de Esperanza Aguirre e outros que sabían que a súa tendencia a ser Baterbly ("Preferiría non facelo", confesaba o personaxe de Melville) non eran insidias de Iñaki Gabilondo. Rajoy estourou veloz na saída en La Moncloa, pero non tardou en transpirarlle o pánico a non bater unha marca sen vento de costas. A maiores, padece unha evidente desconexión coa sociedade, á que notifica un recurte de 10.000 millóns de euros cunha nota de prensa, coma se a Historia Universal da Infamia puidese narrarse nun folio. Iso facíano Jorge Luis Borges, nos contos, e Castelao, nos bocadillos dos chistes; pero os xornalistas que lle redactan os comunicados deben de confundir os breviarios fantásticos de César Vidal con ensaios históricos. O goberno español aparenta seguir o enunciado de Bismarck de que “a política é a arte do posible”, algo que adoitan argumentar os xestores desconcertados para que os seus dependentes os manteñan nun plano mítico no que soamente eles son coñecedores do nivel (estrepitoso) da situación e unicamente eles coñecen as talladas a dar para acalmar a gangrena. Os xestores convencidos intentan o imposible. Tiven que acudir primeiro a Peter Sloterdijk (En el mismo barco, Siruela), nun plano teórico, e despois a La Vanguardia (Enric Juliana, Pilar Rahola, José Antich), no ámbito concreto, para confirmar que non son o único que nota nos ombreiros esta canseira de que se nos trate co agarimo soberbio de que os cidadáns somos incapaces de abranguer as dimensións e achegar as solucións para a traxedia. "O goberno sabe o que ten que facer e está facéndoo", é toda a lonxitude da estratexia reparadora que dá manifestado o presidente español. O terrible é que, tras ese último verbo, chegamos a un precipio da perplexidade aberto ao baleiro. Antes do precipio, tampouco semella que pisemos terra sólida. Un indicativo para sospeitalo son as editoriais de portada que nos veñen publicando día tras día Francisco Marhuenda e Bieito Rubido. Seica eles, que están perto dos núcleos de control e decisión, asómanse a cifras e tendencias que prefiren non transmitir. Optan por exerceren a responsabilidade tendendo a botella de avituallamento ao líder por ver se supera a páxara.

Photo: Bicycle ballet. Ray Gibson