Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
19 avril 2012

O HOME ELEFANTE

elephant_final

África foi o gran plató do Hollywood que impresionaba na butaca dos cines sen precisar do menor truco. Era a última fronteira. Moito nos prestou o Magreb de Humphrey Bogart, pero non demos pechado a boca con Tarzán percorrendo a selva de liana en liana como se fose ligando unha estación de metro con outra. Bogart percorreuna tamén cargando de nihilismo o Raíña de África, pero foi Hemingway quen axitou o continente co seu rifle. Confesou ao seu íntimo Hochner en 1955 que "ningunha das miñas novelas ten tanto de min coma As neves do Kilimanjaro". Esa obra, escrita en 1936, un ano despois da súa primeira guía novelada para turistas afrófilos (Verdes cuíñas de África) comeza relatando que os masai atoparon o cadáver dun leopardo axelado no alto do monte máis sonado do continente. "Ninguén sabía como chegara ata aló", escribe o norteamericano, algo que el tampouco comprendeu ata a súa segunda estadía no continente. Regresou para cazar, como na primeira, pero xa sentía a viruxe da morte soprándolle. Nesa segunda volta estivo tamén cazando, buscando a derradeira pinga de emoción disparando contra un poderoso animal ceibo. Como consecuencia do safari, namorou dunha rapaza wakamba. A súa última muller, Mary, desprezouna observando que requería dunha ducha urxente, pero el considerou que era "deliciosamente tosca". Porque aquilo era África.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 427
Publicité