Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
21 avril 2012

"¿TENÉIS BINGO AQUÍ?"

sunnysharding1996

Aconteceume non hai dez minutos. Como botara unhas catorce horas mirando unha pantalla, por motivos laborais e vagares, saín dar un paseo logo de cear. A noite quería expulsarme, porque estaba túzara, chuviñenta e fría, con Lugo estreando a súa enésima festa colectiva (San Froilán, Arde Lucus,...) Esta cidade fai todo en grupo, tanto divertirse como delinquir (Campeón, Carioca,...) Eu camiñaba en solitario tratando de apagar na miña cabeza o murmurio eterno do ventilador que teñen os ordenadores e que empeza a asemellarse a unha voz interior. De volta para casa dende o extremo noreste do mapa local, un rapaz de barba que debía recurtar había uns dez anos e cunha lata dun tercio de litro na man preguntoume algo. Nunca paro con descoñecidos a unha da madrugada porque son un pequenoburgués concienciado polas seccións de sucesos, pero o mozo insistiu. Mirei a marca que consumía. Kas Laranxa, sen alcool. Detívenme sen agochar a contrariedade. "Tenéis bingo, aquí?", interesouse con acento asturiano en tres golpes secos de voz. Había na frase un certo desprezo cara ás dotacións de ocio en Lugo que obviei. O correcto sería: "¿Dónde puedo encontrar el bingo más cercano?". Somos unha urbe moderna dotada de universidade e bingo. Dentro de pouco, non me chamará que un trintaneiro me pida indicacións para ir a un bingo. Mariano Rajoy, que empeza a consolidarse como o segundo peor presidente da democracia española e con aspiracións sólidas a ser o primeiro, deixaba que se anunciase o salto cuantitativo nas taxas universitarias. Esa nova medida determina que para estudiar hai que ter cando menos unha variable entre ser fillo de ricos e/ou estudante interesado; aínda que a primeira adquire un peso maior na relación. Como o presidente estatal permitía que o fotografasen cun birrete dotado dunha ridícula borla que me acordou á txapela carlista que me regalou un cándido tío meu para afastarme da lapa anarquista que me hiptnotizaba na mocidade, pensei que era unha humorada. Pero non. Os resultados xa os temos no goberno central, cunha Ana Mato espesa para explicarse e torpe para deixar que o fixese Pilar Farjas, á que, recoñezo discreta e perplexamente, empezo a botar de menos.

Photo: Sunny (Phoenix Arizona 1996). Thimoty Archivald

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 427
Publicité