REPSOL

Na tarde de onte fixei o logo dunha empresa de combustible expropiada na pantalla do ordenador. O circuliño laranxa e granate dividido por unha franxa branca casa amablemente coa cadeira vermella na que estaba sentado. Teño un prexuicio contra esa firma e co resto do sector. Non deixa de lembrarme as cantidades coas que se cargan na miña conta bancaria cada vez que reposto o C-Max. A actitude do Goberno español e da maioría absoluta da prensa de Madrid impélenos a unha empatía de poñernos en garda contra un suposto latronicio á marca. Sorpréndeme case que tanto como a que une a ferro aos seareiros do fútbol cunhas estrelas que os enriquecen sen que eles os coñezan nin se sentan motivados a facelo. Como non me daba identificado coa entidade; xa de madrugada, cambiei o salvapantallas para fixar unha fotografía de Cristina Fernández de Kitchner. Botei uns minutos mastigando allo para reforzar o rexeitamento, pero quedei tan indiferente como co logo industrial. As autoridades e as cabeceiras botaron moitos anos persuadíndonos de que unha empresa podía dominar calquera mercado internacional a nada que deixase atrás a súa condición española. Cando o logran, regresan para espertar a nosa glándula territorial. No caso galego, é mellor que a deixen estar porque non vaia ser que nos acorde o orgullo de cara aos emigrantes que traballaron onde ninguén quería e que o fixeron arreo. Non sexa o Demo que lembremos que Pascasio Fernández marchou da Fonsagrada cara a Arxentina na procura dun raro petróleo: a prosperidade. E que, andados os anos, naceulle unha neta que chegou á presidencia dese espazo de conquista persoal do avó.