elsken-02

Botei estes días cunha tos seca e de orixe indeterminada que coido para que non empeore porque iso suporía enfrontarme aos refugallos dun sistema sanitario que defendía argumentaria e casuisticamente cando debatía cun amigo que confunde militar en UPyD con ser liberal. Quéroo tanto como se fose coherente. Reparaba onte, regresando dunha diada en Ribadeo cara a Lugo, en que o sistema sanitario son desgrazas que nos pasan por vivir no Reino de España, moi botados das últimas estremeiras do Heiliges Römisches Reich, ese Primeiro Reich que sería desmofado nos anos 30 por un pintor que Miguel Von Hafe exporía no cuarto das fregonas do CGAC. Dende que me empezou a tos, levo no peto interior da zamarra a tarxeta sanitaria europea, non vaia ser o demo que me tomen por adocumentado, dea en algo grave e teña que sentar no banco do parque de Rosalía a agardar pola falta de pulso. Non todo vai ser desgrazas: Antonio Rodríguez Miranda faloume pola radio do C-Max para desvelarme que Angela Merkel elexiu Galicia para celebrar o encontro da Fundación Adenauer a xeito de unción de mans a través da que se manifestou o respaldo á política Núñez Feijoo. Non me atrevo a desputarlle ao deputado do PP que a presidenta carolinxia sexa quen de chantar o índice nun mapa de Europa para sinalar Galicia sen movelo en círculos coma un péndulo de radiestesia. A promoción que nos custou ingresar enecentos millóns de pesetas a Julio Iglesias de nada valeu, pero o Jacobsland de Alberto Comesaña debeu de ser coma a rede de pousadas de Fraga no territorio xermano. Xa llo lerían a Manuel Rivas, pero Göbels, cando organizou o mapa da Europa esvasticada, escribiu kartofen (patacas) sobre o noso país. Agora, seica Merkel puxo a pegatina schucklosigkeit (austeridade); porque Miranda fachendeaba de sermos campións niso. Producir austeridade é un inspirado oximorón. De tanto poñela a ralentí, a economía galega calou e non dá arrincado. Se ata vou empezar a sentir morriña de cando nos gobernaba Konrad Adenauer... Cando menos era "serio e previsible", que dicía Rajoy antes de ter que empezar a ser presidente español. O Jacobsland trazado por Comesaña é un país de milagres, como que o ministro de Finanzas alemán, Wolfang Schäble, se recoñeza "sorprendido" das medidas que se están tomando en #MarcaEspaña cando as redactou el mesmo cunha calculadora berlinesa. Nese mesmo país, o secretario de Finanzas de +Gz, Manuel González, tivo a deliciosa idea de agasallar ao político xermano cun Keynes para non iniciados. "Algúns prefiren menos Merkel e máis Zapatero", afeounos Miranda. Sinceramente, Deus é bo, pero o demo non é malo.

Photo from Love on the Left Bank by Ed van der Elsken.