Abandono en Palermo Soho

LUGO É UNHA CIDADE de cores tras o solpor. Saín pasear enganado na temperatura porque o día abafounos de sol e a noite non termaba dos 11 graos. O tamaño manexable do noso entramado urbán segue acougándome. Vivo arrimado ao centro, que seica que está na praza de Armanyá, diante do Goberno Civil -onde o civil é Ramón Carballo-, que é de onde saen as vías romanas que comunican Lugo coas outras megalópolis do Imperio, e lévame 40 minutos chegar ao limes capitalino. Andados quince minutos albisquei a Paco, un exprofesor de ximnasia que ten un ollo marrón e outro azul. Paco manexa andares baixiños e recurtados de personaxe de historia debuxada por Vázquez, pero non hai quen recoloque as chaquetas co seu savoir faire. Usa unicamente tres dedos de cada man, deixando os outros respectivos dous suspendidos no aire, coma opositores aprobados en expectativa de destino. De volta dende os arrabaldos, crucei un negro lanzal vestido en bata sanitaria branca botando unha carreira non tensa, pero si preocupada. O último tramo do paseo prolongou ese fundido en negro. O bispo de Lugo cruzóuseme dediante nunha esquina acompañado por un corentón que delataba no andar reflexivo a condición de coengo. Achegaban tons negros e grises á noite. Cadráronme no camiño nun azar divertido. Ao asomarmos á praza de Santo Domingo, o bispo ergue a ollada para  exclamar: "A aguia imperial! Imperial do Imperio Romano, claro". Fixo unha pausa respiratoria, reconsiderou o aserto e engadiu: "...que non deixaba de ser un imperio". Aí foi cando me venceu a vontade, variei a miña folla de ruta dun intre para o seguinte, coma se fose De Guindos, e enfiei as súas pegadas por escoitar a reflexión dunha autoridade católica sobre a imposición civilizadora de Octavio Augusto. O vento, biruxe todo el, alancaba de costas marchando coas súas palabras. Noche oscura del alma, asumín ao mirar a un moteiro que atravesaba a miña rúa en dirección contraria con esa auctoritas que adorna aos repartidores de pizzas que visten de ninja en misión imposible.

Photo: Abandono en Palermo (Buenos Aires) Mariano Gabriel Pérez