Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
14 mai 2012

O BLOQUE EMPEZOU A SER BLOQUE

doisneau

O Bloque comezou onte unha nova xeira na que é Bloque. Antes non me aclaraba con quen eran os seus militantes: había dende marxindependentistas a liberautonomistas pasando por usuarios recurrentes de tempos compostos sen unha teoría política que os guiase. Xa está. A pasada noite mirei con vagar a foto para ir quedando coas caras a fin de evitarlle a Carme Adán -pola que teño gran respecto dado que pertence a minguada raza dos políticos con biblioteca- pasar pola encarga de presentarnos a Jorquera sen presentárnolo. A través dunha aplicación de internet, tratouno como se fose ese curmán que vén vivir á vila e hai que buscarlle amigos para que poida xogar ao fútbol. Eu sei quen é Jorquera, polo que lamento que estea no limbo do coñecemento xeral porque ten valía, pero sabemos del eu e outro 18 por cento dos galegos; que, para un potencial presidente da Xunta, queda curto. Talvez a iniciativa de traelo de Madrid para o que lle agarda non foi feliz. A maiores dese incidente, o BNG parecía onte Sierra Maestra, con Fidel dividindo os seus en dúas columnas por facer vulto e achegar moral. Empezaron a quedada aplaudindo coma esas bandas adolescentes que suben o volume dos amplis para que non se escoiten os desafines. Pero o Bloque viña desafinado de Amio. Guillerme Vázquez trataba de acalmar onte "aos que están preocupados polo BNG" nun papel moi de speaker de baloncesto antecedendo á enumeración do arsenal de representación pública. Guillerme é médico, sabe que as doenzas teñen parte de compoñente sicolóxica. Cando che informan que che amputaron un brazo e unha perna, e o cirurxián trata animosamente de facerte ver que che quedan outro brazo e outra perna, debes empezar a preocuparte por eles. Con todo, o personaxe máis frustante foi o que o partido adxudicou a Carlos Aymerich. O home, agardando fielmente que acorden del; o partido, tratándoo como cando Felipe lle explicou a Fraga que nunca sería presidente español: non o desprezou no parlamento de San Xerome, limitouse a enclaustralo de por vida co título de Xefe da Leal Oposición. Hai moitos nacionalistas preoupados polo Bloque. Non comprenden que a vitoria mal administrada polos que ficaron nin a derrota de dixestión espesa nos que marcharon causara que unha forza política poderosa se dividise en 2,2/1,8. Por riba, os que se foron non acaban de dar coa temperatura organizativa para acertar no callo. Beiras teima no asamblearismo, que ese xeito que ten a esquerda de acadar a súas máis altas cotas de parálise. Entre mentres, José Blanco anda pescando neste Miño que baixa revolto para poñer contrapesos galeguistas no socialismo galego: escribe correos, chama e convida a xantar a galeguistas e nacionalistas para mover o mercado de verán de fichaxes. Feijoo está inquedo polas sondaxes, pero case certo de que dará sumado para unha vitoria pírrica. Mirado en perspectiva, o país non muda nin se albisca cando o vai facer. Seguiremos agardando por ese cambio con temor a que a Brunete Mediática persuada ás elites políticas de Madrid de que aos galegos tanto nos ten autonomía ca nos ten rexión. O café para todos ferve, logo han servilo coa excusa dos custos. Un subdelegado do Goberno sempre sae máis a prezo ca un parlamento representativo.

Photo: Robert Doisneau

 

Publicité
Publicité
Commentaires
X
Talvez. De todos modos, visto como corre todo, igual veremos quen fagocita quen.
Répondre
J
Concordo, semella un tipo sensato, pero non tardarán en fagocitalo logo de que perda
Répondre
X
E mal rapaz non parece; na miña consideración, cando menos, todo foi subir desde certa desafortunada intervención na ¿XI? Asemblea Nacional. Ora ben, lémbrame neste punto un comentario que se oíu hai moito en Lugo en relación con certo representante político nacionalista, ben prometedor á altura do 1979: "Este Castiñeira éche bo; lástima do partido que leva...".<br /> <br /> <br /> <br /> Non sei como lle irá a Jorquera. Mal non lle desexo, quede a cousa así.
Répondre
J
Alégrome de que sexa así, pero coñecido non é. Digoo con pena, que conste, porque pode tirárselle moito proveito.
Répondre
L
O índice de coñecemento de Jorquera na última enquisa do CIS estaba calculado a partir de 2.500 entrevistas en todo o Estado español e sen corrección para Galicia. Por iso todos os líderes de partidos nacionalistas e/ou adscritos a un territorio menor que o estatal ofrecían datos de coñecemento cidadán moitísimo menores que os de partidos estatais.
Répondre
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 427
Publicité