cutting ice

Comparecín tarde no coloquio porque estaba mirando en Odisea un documental sobre a temperatura. Foro Aberto apareceume na televisión en plena rolda de cadeas. Presenteime como espectador serodio xa nas conclusións. Como era xa 15M, dei por suposto o contido, pero dei por suposto en exceso. Falaban sobre cultura galega. Dialogar sobre cultura é un xeito de encher unha hora de televisión cun programa que ben podería ser enlatado de 1984 sen restarlle actualidade: catro argumentos positivos de concordia xeral. Solpor con nubosidade grisácea. Pero o Foro foi emocionante: mirei o final, cando concluía, cando nas táboas redondas se resumen as ideas máis interesantes porque se escolma entre as máis celebradas das manifestadas antes. Sinalaba Carlos Luis Rodríguez que o primeiro que se recurta nas contraccións da economía é a cultura, unha idea virxinal na que remexeu Xosé Carlos Caneiro co do dous por cento, que vén sendo coma eses anacos de biscoito seco que che quitan facéndoo pasar por tapa nas cafetarías. Henrique Alvarellos escoitaba con esa educación que lle nace do pai sen poder agochar a expresión de "eu son aquí o único que sabe o que custa vender cultura porque vivo dela". E claro, escoitando aquel tiovivo de apuntamentos sabidos xirando sobre o mesmo eixo, preocupeime polo futuro da televisión pública. Co custe deses cinco minutos de rebobinado, sumando técnicos e intervintes, ben realizaban unha curta uns rapaces da Escola de Imaxe e Son da Coruña. Agradecín, nese intre, que agromase Antón Losada naquela ensoñación neoliberal na que flotaba eu. O de Xove desanoou o vurullo do seguidismo economicista ao aseverar que a cultura non é un desvío contable, senón unha necesidade humana, como pode ser a sanidade. Veu expresar que non precisamos calcularlle o TAE, que abonda con ser o que distingue a calidade dun pobo. Lembrei daquela que vimos de frustrar a carreira de centos de investigadores do país, porque o goberno prefire investir en rehabilitación de patrimonio. Cultura son ambas as cousas, pero o patrimonio é recuperable dentro duns anos cando mellore o DefCon; os avances científicos non, porque os nosos rivais non van agardanos. Comprobada a falta de atractivo e de emoción, decidín refuxiarme novamente no agarimo cálido de Odisea, pero foi daquela cando Carlos Luis sentou na mesa para falarnos á orella e reparei na súa camisa fucsia. A calor provócana as moléculas ao movérense. O debate parecíame antártico, pero aquela cor axitoume a amígdala cerebral achegándolle o atractivo e a emoción. A quen lle interesa escoitar un coloquio sobre algo tan feo como a pobreza?

Photo: Cutting ice (circa 1900) Porter Thayer.