avión

AS DECISIÓNS tómanse por un motivo. Escuro, indescrifrado; pero todo responde a unha pregunta. A natureza subordinada da TDT marca que cada cadea deba buscar o seu espazo. Intereconomía procurou un público español, católico, heterosexual, bebedor de Ribera del Duero e conservador. O perímetro do target estaba marcadamente delimitado. Sabían a quen falaban e todos os programas da cadea apuntaban na mesma diana. Contra Zapatero viviron por riba das súas posibilidades televisivas porque abriron o paraugas do revés para recoller o desabrido odio que proía na Castellana e rúas perpendiculares. Tras o 20N, sen percha que lles terme do discurso ideolóxico, mesmo entregan tempo en directo a becarias. Alberto Núñez Feijoo, teima en mostrarse catodicamente arriscando a ser percibido con frivolidade, asistiu hai uns días a 12 mujeres sin piedad. Mirando cachos do vídeo en Galiciaé, véuseme á cabeza as entrevistas que realizaba Isabel Presleyr para Hola! Doce rapazas axeitadas para seren promocionadas por Pepe Garalva nun concurso de misses ladeaban a cabeza para dar liberdade a unhas melenas lacadas mentres trataban de vocalizar un cuestionario colectivo inzando dos contados recursos españolistas, galiciabilingües e homófobos que nutren o ideario da cadea. Antes de mirar ese vídeo, atendera a Antonio Basagoti entrevistado por cinco periodistas (lembro agora a Martxelo Otamendi e Javier Rivas). Basagoiti responde a ese modelo neopopular que confunde seriedade con fiabilidade e simpatía con cercanía. Cando ofrecía a cara seria, Basagoiti parecía estar lendo a capa de La Razón nun telepronter; cando trataba de resultar gracioso, con chistes extremporáneos sobre Currin e Kofi Annan, percibíase coma monologuista aspirante. O escritor irlandés Brendan Behan divertíase ás veces facendo stand-up comedy. Co gallo dun monólogo nun local de Nova York, achegóuse un compatriota, Frederick Henry Boland. Boland felicitouno polo espectáculo. "Encantoume, agora tes que vir ti ao meu", convidou Boland. "E logo?" "Veño de ser elexido presidente de Nacións Unidas".