maynard_the-healing-garden-web

JOSÉ LUIS BALTAR pensaba vagariño as súas fabulosas argalladas, pero era un botaporela apresado cando falaba. "Despois de Fraga, democracia!", chegou a proclamar vestido coas ropaxes La Liberté que nos pintou Eugène Delacroix. Esa tetada de fóra, hoxendía, xeraría milleiros de visitas no You Tube. A frase berrouna cando o triángulo de equilibrios variables o ligaba a Cuíña pai e Cacharro para suceder o Vello. Xuraría que nin era consciente da acusación que transportaban esas palabras. José Luis Baltar errou no obxectivo, pero pode felicitarse de que fillo herdoulle o ámbito. Unha vez asentado, Manuel Baltar, pon a cantar o coro do pai para solicitar elección directa do presidente provincial. A súa elección concreta non puido ser máis directa, pero percibe que os gobernos provinciais están avocados a lexitimarse ou desaparecer. A cuestión sería un abrillantado do seu posto, sen poñer en dúbida ese modelo keynesiano  de Ourense, que resulta único en Europa e, estranamente, aplica un partido liberal-conservador. O organigrama da Deputación procura a finalidade de lograr unha urda económica e emocional que artelle a provincia. Non serei quen afee o experimento colectivista coa familia coma célula básica. A paz social soamente se ve perturbada levemente por esas informacións de prensa que descubren ás veces o que se percibe como desequilibrio entre a carga de traballo e o número de operarios a asumila. Pachi Vázquez encéndese con que as granxas da Deputación teñen máis empregados ca cabezas de gando. Cal é o problema? As reses verán satisfeito todos os artigos do Código de Respecto cara ao Irmán Animal. A Manuel Rivas ninguén lle chistou cando sumou aquel inesquecible millón de vacas, unha cifra triplicada polos habitantes de Galicia. Cando se discute sobre emprego, agroma a eiva formativa de que Marx nunca foi frecuentado nas bibliotecas dos xornais. Lendo onte unha desas noticias ou con aqueloutra dos porteiros, sempre me pregunto de onde saen os recursos para financiar tanto emprego. Mentres eu perdo o tempo en reflexións improdutivas, os baltares achéganse en procesión devota cabo de Mario Conde -que, coñecido o curmán, coñecido el-. Impartir corpo doctrinal en Intereconomía confire moito empaque. Cando máis, falar sobre liberdade; algo que o exbanqueiro conquistou de xeito condicional en 1999, tras 16 meses de bo comportamento.


Photo: The healing garden (Wybalenna, Flinders Island, Tasmania
2005). Ricky Maynard