ICONA


MANUEL MURGUÍA pretendeu inventar Galicia. Enganouse na ambición, polo que o intento de construír o país quedoulle a media cocción, pouco feito. Estruturouno culturalmente, dando un pulo feroz á Real Academia Galega; historiograficamente, dotándoo dunha liña de estudo do pasado particular e diferenzada. Porén, pouco deu avanzado politicamente. Viñan de fusilar a Solís e os outros da proclama provincialista de Lugo de 1846, polo que non estaba a situación como para andar soñando cun parlamento e menos unha Pilar Rojo. Aínda así, non deixou de probar, como nos conta Xosé Ramón Barreiro na inmensa biografía que acaba de publicarlle Galaxia. O ex presidente da Real Academia Galega ábrenos a caixa para descubrir un personaxe fascinante que albiscamos durante anos entre as saias de Rosalía de Castro. Acabou deixando claro que esas saias cubrían as argalladas de Murguía sen restarlle importancia á xeira da propia escritora. Barreiro sabe todo a respecto dese home e aínda un chisco máis sobre o seu tempo, e non dubida en exhibilo. Murguía tamén andaba sobrado de talento niso que agora se chama xestión de redes sociais. Logo de decatarse de que a súa nación era Rosalía, logo de ela morrer, demoleu todo o edificio real que fora a poetisa, queimando mesmo as cartas, e empezou a construír a súa verdade. El mellor ca ninguén sabía como era a padronesa e el mellor ca ninguén determinou como debería ser lembrada, como a icona pop ideal. Fixo o traballo a conciencia, aínda que venceu parcialmente. Murguía quixo inventar Galicia e saiulle Rosalía. O resultado é magnífico.

photo: Lee Jeffries