large_the_apartment_blu-ray_6x

O PSdeG lémbrame a Jack Lemmon en 'O apartamento': prestan a casa común para que haxa alcaldes que engadan os seus electorados. Refírome a ese pragmatismo atropelado co que consentiron que Paco Vázquez cruzase coma unha división panzer sobre o acervo esquerdista e galeguista do partido. O aparato mesmo empezou a asubiar por Karen Souza cando o histrionismo patriótico do rexedor se expresou chantando unha bandeira española na Coraza e escoltándoa con policías, erixindo a custodia dunha tea bicolor nun eixo da seguridade cidadá. Seica a cúpula do PSdeG non tirou conclusión da grave distorsión para a inexcusable solidez da imaxe que proxecta. O cantonalismo revive agora na outra banda do país, en Vigo, e Lemmon volve ceder estrutura e identidade polo temor a perder a maior cidade do país. Carmela Silva leva un ano pechada nos seus cargos coma unha otaku. Pachi Vázquez botou todo este tempo nun laissez faire interrompido por ocasionais e breves advertencias nas que semellaba mirar máis cara aos fotógrafos que ao alcalde vigués. O luns, avanzouse un chisco nesta fronte que semellaba atoada coma Verdún. Vázquez lanzou un asalto veloz anunciando un expediente. Santos Héctor Rodríguez disparou cara arriba balbucindo algo sobre a oposición a Feijoo. "Silva soamente cobra por un dos cargos", excusou tras verse devolto ao vurullo. A súa xustificación podería empuxar a pensar que o problema é o IRPF da concelleira e deputada, e non a vulneración dunha norma que teñen de cumprir os seus conmilitantes.