wolf 8


LUDWIG WITTGENSTEIN era un filósofo de carácter desabrido e unha idolatría cara a si propio desmesurada. Cando estudaba no colexio da localidade austríaca de Linz, menospreciaba un compañeiro que asistía ás aulas cunha bandeira do Imperio Prusiano e que saudaba co Heil! xermano. Como pensador, Wittgenstein era unha eminencia; como adiviño, unha nulidade. Sendo adulto, informouse de que o badulaque mandaba en Alemaña e descubriu que el era xudeu exterminable. De nada valeu que o avó favorecera a integración coa prohibición aos seus de casar con fillos de Moisés. Cando lle contaran que o raparigo ridículo que ondeaba a bandeira aspiraba ao poder en Berlín, manifestara a imposibilidade «de que unha banda de pandilleiros chegue ao goberno». A banda chegou. «Austria non lle serve para nada», trataba de convencer á familia, un clan invencible no sector do aceiro e o ferro. Austria foi esmagada. Ludwig viaxou a Berlín co repertorio de medallas gañadas polos irmáns naquela Olimpiada do horror que acabou sendo a Primeira Guerra Mundial. Os intocables Wittgenstein foron perseguidos por ser xudeus. Zapatero tapou os ollos á crise, Rajoy escribiu sonetos con tal de evitarse pronunciar a palabra ‘rescate’. Esta semana celebramos 30 anos do filme ‘Blade runner’. Repasándoo, miraba a Harrison Ford fitando o replicante que o asfixia. Preguntaríase en que momento os enxeñeiros xenéticos perderan os control sobre aqueles autómatas como Rajoy se pregunta cando os políticos deron liberdade absoluta aos investidores asolagando a propia liberdade.

Photo: An exiles eyes. Wolfang Suschitzky