PASEANDO POLO CORREDOR DA MONCLOA, MIRANDO OS RETRATOS DOS PRESIDENTES
Os segundos de ouro de Rajoy cando intervén no congreso de deputados español en prime time chegan cando detén o discurso para mirar ao infinito e máis alá, como se procurase curioso os buratos que deixou Tejero. Nese lapso, consolándose co retrato que se lle pintará para situar tras o de Zapatero no corredor da Moncloa no que se colgan as facianas dos presidentes, cita a Hamlet naquilo de “Que mundo tan avolto! Por que me tocaría a min enderezalo?” Estou certo de que cando cruce eses corredores, envexará os sete anos do seu antecesor, rexidos pola máxima que aplicaba Hegel cando os feitos cuestionaban a solidez das súas teorías: “Peor para os feitos”. Agora o católico e pietista Rajoy, renegado xa da integridade, vai encadeando enmendas á totalidade do seu programa. Anuncia as malas novas en voz alta e en español, deslizando as peores por baixo das nosas portas cun pdf en inglés acordando da excusa moral de San Pablo. “Non fago o ben que quero, senón o mal que non quero”, xustificábase tras quedar alterado pola caída dun cabalo. O presidente español, carente do instinto actoral esixible ao cargo, mira ao Ceo reprobador do edificio da Carrreira de San Xerome pedindo un perdón colectivo por ese día nefasto no que se compremeteu a dicir a verdade en plan Harry Truman: “Non lles vou dar o Inferno. Voulles dicir a verdade. A verdade é o Inferno”.
Photo: Roy de Carava