wave-1-big-27001

O meu baño de hoxe estaba revestido dun carácter compensatorio. Levaba dúas semanas de lecer en Ribadeo agardando a mergullarme no Atlántico. A miña primeira inmersión mariña do ano rediríxeme aos costumes remotos das sete ondas. Unicamente atravesado ese hebdomadario de barreiras me sinto autorizado a entrar. O motivo de cumprir co ritual tan serodiamente nestas vacacións foi respectar a tradición de Ribadeo, enferruxada xa mesmo na memoria dos vellos, de agardar a que a Virxe do Carme abenzoe as augas para sentirse un autorizado a avanzar nelas cara ao horizonte. A procesión marítima deste ano adiouse ata a fin de semana pasada para que non cadrase coa das Figueiras. A partir dese acto sacro, os mantedores dos vellos costumes podemos bañarnos. A tradición convida a frecuentar o salitre en días alternos. O advenimento da Virxe de Agosto marca o remate da tempada. Gozo un ateísmo tan consolidado que podo observar estas vellas crenzas sen verme forzado a rexeitalas para marcar a miña posición espiritual.