O RESTAURANTE DE TODOS OS XANTARES
O restaurante era o habitual. O lugar é cómodo; o personal, agradable, e a carta, recoñecible. Nunca me aparto dunha variedade de tres ou catro pratos cando entro nel. Onte pedín os ravioli recheos de carne, con prebe de espinacas, pasas e piñóns. Onte enganeime esfarelándolles queixo por riba. O sabor marchou a mantecoso de máis. Non volverei facelo porque estraguei unha receita que manexan gloriosamente. Adoito frecuentar La Oca dende que me establecín en Lugo, por volta de 19 anos atrás. Descubriumo unha rapaza, que me convidou a xantar cando se apagaba aquel 1993. Daquela, eu vivía na outra banda da cidade, pero o meu corazón botaba con maior flexibilidade. O segundo que comprei en Lugo, hai unha década, representa un vértice. Avanza nunha liña que o une co vértice fixado no colexio dos cativos e se dirixe dende alí a un terceiro, o meu traballo. Esqueceume calcular a superficie dos triángulos, pero o meu é equilátero e bótolle uns trescentos metros en cada lado. Provoco a envexa dos amigos cansados de Madrid cando llelo conto. Agora penso que as decisions sobre ubicar o traballo, o colexio e a casa viñeron determinadas cegamente porque o meu restaurante favorito se atopa no centro dese triángulo. Onte volvín xantar a La Oca, coa mesma rapaza que aquel mediodía no que o ceo chovía sen folgos e eu usaba lentes con montura de pasta marrón. Sorpréndeme que, tras unha chea de comidas xuntos, nunca nos proen os silencios. A cada minuto temos algo que dicirnos. Ás veces discrepamos. A miña muller tende instintivamente a analizar cada frase, nunca dá un par de horas libres á súa atención. Agradezo todo ese cuestionamento porque me axuda a saberme vivo. Moitas veces, seríamos quen de silabar o que vai dicir o outro, pero aceptamos que o formule a xeito de gozar a seguridade do coñecido. Coma ese restaurante ao que vas dende hai tantos xantares.



