jeudi 9 août 2012

AS LIMEIRAS DO GREEN

 

golf-shoes

O escritor Richard Ford conta nun texto autobiográfico de Flores en las grietas (Anagrama) que o avó dirixía un hotel no sur dos Estados Unidos con varios empregados negros. Un deles, Chester, era habelencioso ao golf. Ese deporte era para el -como o Barça para os converxentes, més que un club-, un arma cargada de futuro. Chester practicaba nun campo público e miserable, cheo de calveiros de terra seca no medio dos pradaríos amarelos. Naquela Arkansas dos 50 na que a forma de organización social máis cohesionada era o Klu Klux Klan, o xogador preto sabía que era o único ámbito no que conversar de par cos hóspedes brancos. O avó bebía os ventos polo golf, polo que determinou que Richard, aquel neto confuso e ocioso, aprendese a xogar. Impuxo a Chester que dedicase o seu día de lecer a aprender uns rudimentos ao quinceañeiro. Chester respingou. Pero logo asumiu que o seu emprego dependía dunha actividade externalizada. Levou canda el o rapaz. Deulle un ferro para que batese na bóla. Intentouno unha vez. Erro. Unha segunda, aínda peor. Foron tres ou catro pelotiñas as que disparou. Chester cansou e decidiu ser el quen xogase. Cargou ao neto do xefe coa súa bolsa e botouse a gozar a súa afección polo campo adiante. Pensara o que agora deben andar pensando Miguel de Guindos e Cristóbal Montoro, os que se lles está poñendo cara de obsolescencia programada: se non damos domados os mercados, divirtámonos coas Olimpiadas mentres nos permitan disputalas. No terreo contiguo ao campo de golf habilitaran un psiquiátrico para os mozos que deran regresado do averno bélico europeo. Ás veces paseaban polas limeiras do green. Cando miraron pasar un xogador negro cun caddie branco aceptaron que, definitivamente, o mundo deixara de pertencerlles.

Posté par Jaureguizar à 00:00 - Commentaires [0] - Permalien [#]


Commentaires sur AS LIMEIRAS DO GREEN

Nouveau commentaire