dimanche 19 août 2012

ENLATADORAS DE PEIXE E CHALANOS QUE FAN AUGA

1632_Sky Waves

 

O Cabaret Voltaire mantén a porta entreaberta estas noites. Fóra vai caloriña e dentro gozamos un ambiente fresco sensatamente agradable. Non me decido a abrir pronunciadamente porque me sinto coma Moncho Lemos, programando cancións con etiqueta de nostalxia sen a certidume de que ninguén as cantaruxa diante do espello; aínda que tampouco me decido a pechar en firme ata que empece o curso escolar, o pulo vital, porque sempre hai clientes axeixando un chisco de espectáculo. O convidado de hoxe é Abbott Joseph Liebling, o xenio máis socarrón que escribiu no New Yorker. Na mañá de onte andei procurando textos en linguas romances devecendo lelo anchamente porque sigo ás toas coa anglografía. Liebling era experto en boxeo e en gastronomía, pero non falaba concretamente de ningunha de ambas as cousas. Un pouco como Mario Conde coas súa piscina tolda da economía, que agora describe medIante praias ledas de política e moral, nunha forzada maridaxe. Liebling escribía sobre o combate, pero soamente en parte; daba tamén importancia ao historial do entrenador, á fluídez dos aparcadoiros ou á cea que xantara ao remate da velada. Sería Nouveau Roman se a escribise Robbe-Grillet, de quen son devoto, anos máis tarde. Unha imaxe de Liebling tende unha alfombra de esperanza ao meu oficio: "A prensa faime pensar nunha xigantesca enlatadora de peixe, supermoderna, de cen pisos de alto, cun capital de millardos de dólares e con decenas de miles de traballadores vixiando as máquinas enlatadoras, pero dependendo para a súa materia prima dun número inadecuado de pescadores con cana en botes de remos que fan auga".

Photo: Skay waves. Fred Fisher Marietta

Posté par Jaureguizar à 01:18 - Commentaires [0] - Permalien [#]
Tags : ,


Commentaires sur ENLATADORAS DE PEIXE E CHALANOS QUE FAN AUGA

Nouveau commentaire