Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
24 août 2012

OS COMPROMISOS DOS RELOXOS SUÍZOS

koudelka_watch

 

As alianzas dos meus paternos eran desiguais, tanto como presumo que era a súa relación tanto polo tempo como polo lugares no que se desenvolveron, todos católicos e de poboación contada. O anel do meu avó fachendeaba ancho coma un taco de billar, mentres que a súa muller tiña o dedo corazón a metade de delicado. Estaban datados en 1912. Cando o Ártico engulipaba o Titanic con boca de Gargantúa, eles trazaban unha vida adosada tan audaz polo que tivo de periplo partindo de Bermeo como pola bizosa proxenie. Os reloxos de peto de Rufino Jaureguizar e Juana Isasi lémbroos en prata e suízos ambos os dous, pero o meu avó atendera a un marcador das horas grandeiro e sobrio na estética, en tanto que a súa muller se decantara polo nácar rosa e a discrección. El precisaba de todo o tempo do mundo para superar a audacia do pai: partindo do mesmo Bermeo, o meu bisavó Miguel Jaureguizar fóra pioneiro en importar unha praza de touros portátil dende Francia, tamén estudara a posibilidade de meter un tren por baixo da terra en Madrid coma fixeran anos antes en Londres. Viaxou dende a súa vila biscaíña ata a cidade manchega para botar cálculos. Reprendeu o seu entusiasmo advertíndose de que os edificios da superficie se derrubarían sobre o seu túnel. Andados os anos houbo que se atreveu. O meu avó Rufino aínda se puido mirar no seu pai: enfrontou a bravura do Atlántico para botar as primeiras pedras dos portos de Corcubión, Ribeira e Burela. O seu fillo Francisco imitábao extraordinariamente. Seino por unha foto curvada na que o vin en Frantxunatxak. A miña nai agasallou ao seu prometido cun reloxo de pulseira, un Omega elegante e acertadamente suízo, no 1963. Daquela o reto estaba en chegar á Lúa. O meu pai nin se puxo a intentalo, pero aínda marchara ao deserto de Libia para un 1959 de traballo. A miña muller entregou outro reloxo helvético cando casamos, 40 anos máis tarde. Case que idéntico: o mesmo Omega de pequenas puntas douradas para fixar horas como o que se mira na foto de Koudelka. Obviei preguntarlle polo reto que levaba canda si o aparello.

Photo: Czechoslovakia 1968. Joseph Koudelka

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 429
Publicité