Gotham City

 

Mario Conde asimilou poucas esencias galegas. Alguén debeu bisbarlle que en terra de lobos, ouvea coma todos e botouse a falar en pailán para presentar a súa candidatura á Xunta. Para a miña sorpresa, a súa pratea non percibiu a envoltura cómica do acto. O tudense abaixou o volume e a intelixencia a susurro, salpimentando o noso acento. Mario Conde ten espírito de director de sucursal: o cliente leva razón en calquera asunto en tanto asine o contrato blindado. Escoitándoo minguou a miña crenza elevada no dereito de calquera a intentar gobernar o seu país, pero caeu ao nivel do mar cando se refiriu a "mi primo, aquí presente" para volver a botarnos na cara colectiva que teñamos a Alfredo Conde na leprosería "por escribir en castellano". O noso con Alfredo é ben outro reproche: de ser escritor egrexio, tanto tiñan os medios. Alguén misericordioso debería informar a Mario sobre ese mozo de corda que emigrou a Cuba ou, cando menos, darlle recado sobre o que escribiu Xavier Alcalá no seu facebook a respecto do griffón para que cese de facer o ridículo.