Dale-Koerner-winner

 

A MIÑA MULLER sostén a teoría de que, cando acontece algo decicisivo, eu estou no baño. Houbo unha secuencia de situacións especiais nas que me ausentei: a voda, o nacementos dos meus fillos e operacións cirúrxicas que non concretarei por vergoña. Teño unha tendencia maior a dispersarme nos aconteceres privados. Hai sucesos públicos que recordo. Lembro estar na porta da casa coa mochila cando marchou Franco. A min persudiáronme de que o ferrolán era cruel, pero aínda se portou regalándonos tres días de loito sen clase. Andaba xogando ás chapas cando El-Rei abriu as primeiras Cortes civilizadas. A partir de aí todo se convirte nunha luz cegadora. Non son capaz de situarme cando Tejero se nos revelou coma un disgusto con bigote e pistola, pero menos cando o Prestige amargou o café a López Sors ou cando dimitiu Esperanza Aguirre. Estou tratando de evitar que esa amnesia para as efemérides se estenda a outros fitos. Comprei unha axenda para anotar o lugar e o quefacer que me distraían cando Felix Baumgartner decidiu precipitarse dende 39.000 metros. Agora vou enchéndoa cada día para saber onde me atopaba cando Rajoy solicitou o rescate. Teño para min que o vai facer durante un Madrid-Barça, na despedida de ‘Gandía Shore’ ou cando os administrados estean distraídos en asuntos así de decisivos. Como non me atrae o fútbol, seguro que me colle onde supoñen.