EIKOH HOSOE

 

Levo días convencendo aos meus amigos de que Mangouras é Norman Mailer, revivido e empotrado como acusado no macroxuízo fisterrán e apocalíptico. Recoñezo que o desmesurado caos do Prestige ten máis de cinematográfico ca de literario, que é máis axeitado reproducir a catástrofe na gran piscina duns estudos con Ernesto Chao sufrindo coma capitán mercante co ánimo oprimido entre a ética e o negocio. Esta desventura xúlgase dez anos despois, como se facía antes nas películas para avanzar as tramas. Cando me informo sobre o caso, penso no Antón de O mercader de Venecia, de Shakespeare, que puxo a súa fortuna a navegar nuns barcos, polo que pide 3.000 ducados a Shylock para socorrer a Bassanio. Acordo tamén do Prestige, que escachou coma os mercantes fretados por Antón, pero inclinou a Galicia a un cambio en San Caetano. As ilusións de facer un país diferente eran novas e flamantes daquela, pero os depositarios conseguiron apagar unha por unha aquelas candeas. Agora, sete anos máis tarde, culpan a Rueda e máis a Beiras de partillar unha comunidade de intereses. Alternativa responde ao modelo que contou a xornalista Joan Didion no The New Yorker para describir a Reaganvolution en estado embrionario: "Unha revolución populista que intentaba construírse a si mesma nunha crise de expectativas elevadas e posibilidades reducidas".

Photo. Eikoh Hosoe