three-bandw-toms-backpacking-series-bar-tender-with-babes-beijing_9461_edited-1

O sábado, ao regresar dun curso en Vigo, baixei xogar ao fútbol co meu fillo. Antón aínda ten seis anos, pero madureza abonda como para asumir iso que se asume con catro ou cinco máis: o seu pai non vai aprenderlle nada de fútbol. Por iso, toma como modelo o seu avó paterno. Executa os regates e os disparos segundo lle bisba á orella o meu pai. No curso coñecín a Manuel Barreiro, un home a quen a vida empuxa contra os 40; algo que el trata de evitar cunha firmeza enchida de dignidade. Manuel adoita vestir de negro, de camiseta e de confort. A súa discrección ten unha pequena fenda á altura do seu ril esquerdo, onde prende día tras día un imperdible. “Dende o instituto, empecei cun amigo”, confesoume. O meu cativo ten vocación de raro; de distinto, que se chama agora, porque padece vocación de porteiro. Eu soamente quixen ser porteiro cando Iribar. Carecía de catálogo para escoller porque na miña casa militabas no Athletic de Bilbao e no PNV por prescripción familiar. De quitado iso, eras libre de aceptar a existencia de Deus ou de aprenderes a cociñar o bacalao ao pil-pil. Antón viste camiseta de Iker Casillas, aínda que é do Barça e disimula interese en formarse en Lezama; unha arela que, aos seus anos, rebenta de forzada. Non vou culparlle de nada porque, cando o teu maior tramo vital é o futuro, queres albiscar sinais de triunfo que che vaian guiando no avance. O rapaz teima en rezar devotamente a San Mamés porque aínda sente a necesidade de vencello co pai. Heille aconsellar que pinche un imperdible, siga recibindo os consellos dese avó do que non acorda porque faleceu cando tiña catro anos e corte amarras.

 

Photo from The China Backpaper Diaries (2011) Tom Carter