oreiller

 

A novelista Gertrude Stein recomendou a un incipiente Ernest Hemingway que escribise sempre "a frase máis verdadeira". Ambos os dous acababan de coñecerse no París de 1922. O correspondente do diario canadense Toronto Daily Star chegara á cidade a finais do ano anterior con 22 anos, centrifugado de Estados Unidos polo requirimento ansioso da súa nai para que chegase a ser "un home de verdade" e imantado polo consello que lle endosara o escritor Sherwood Anderson, de que París era o mellor Campo de Marte para poder brunir armas e preparar o ingreso na gloria literaria. Hemingway ía acompañado pola súa recente esposa, Hadley, procedente dunha familia que escusaba consultar os seus depósitos bancarios. O autor podería terse dedicado a explotar a súa tarxeta de cliente para sacar libros prestados en Shakespeare & Company e a sentarse nos cafés para contemplar o paso apresurado e distraído de París, pero sentía rabuñada a súa masculinidade se ingresaba menos que a súa muller, polo que mantivo un continuo pulso xornalístico escribindo crónicas para a prensa canadense. Unha trintena desas crónicas, asinadas entre febreiro de 1922 e decembro de 1923, son reunidas no libro Sobre París (Elba). Hemingway móstrase neste volume como un cronista de ollos abertos a todo o singular que acontece na rúa. Vai comentando asuntos políticos, como os cambios os problemas da Alemaña estrangulada economicamente polos vencedores ou o mofo moral das institucións; trata cuestións sociais, como a carestía da vivenda; retrata costumes, en especial, as referidas á moda téxtil resurgiente e á moda lúdica nocturna, e non falta o continuo contraste entre a idiosincrasia parisiense e norteamericana. Pero, por riba de todo, Ernest Hemingway entrega un bo puñado de vivencias persoais que lle serven para comentar a vida cotiá na capital de Europa. A constante dos textos escollidos para Sobre París é a certeza de ler "a frase máis verdadeira".

Photo: Un oreiller en toile de jute (Paris, 1952) Robert Doisneau