UN PAÍS QUE SE EXPLICA POUCO
SEGUNDO empecei a frecuentar a casa da miña muller, o meu futuro sogro regaloume os Diarios (Crítica) de Azaña. Tomeino como unha declaración de principios políticos e éticos; asemade, coma unha folla de ruta dos enfoques que debería darlle ás conversas que iniciase baixo o seu dominio habitacional. Certamente, asumin a lectura daqueles textos escritos mirando de esguello á posteridade, coma unha rampa para meter os dous pés no meu fogar político. Non era que se me resistise, pero un trata sempre de evidenciar normalidade cando puxa por ser aceptado na familia da parella. Ao cabo, houben de asumir a certeza de que a República era unha materia didáctica que me ficaba lonxe temporal e emocionalmente. Eu, nacido xa no tardorrománico franquista, síntome máis achegado á luminosidade gótica e esvelta que trouxo a democracia. Por ese motivo, houben de confiar no feito de terme criado en Ribadeo para conciliarme cun nacido na vila, malia a fenda xeracional. As anécdotas e os personaxes das súas lembranzas que fun recoñecendo habilitarárome un tempo naquel comedor, ata que chegaron os dous netos que salvaron a distancia con eficacia anestésica. Vén agora a cuestión de se eu poderei agasallar a xenros ou noras cunhas memorias políticas nas que poida recoñecer o meu tempo. A memoria descomunal de Fraga deu para unha edición da Enciclopedia Británica, si; pero hai máis? Somos un país de explicarnos pouco. Seino malia este revoltallo que está armando Touriño con iso de que O futuro é posible (Galaxia), un título cargado de retranca tendo en conta a desfeita na casa común.
Foto: Rafael Pérez Cortés