paris-cafe-de-flore

 

O Café de Flore cumpre os 125 anos travestido en atracción turística para unha clientela «dourada e superficial», como acertou a observar Paul Boubal, neto da saga histórica de propietarios agora desprazada polo serbio Miroslav Slijegovic. O café servía na década de 1910 a Charles Maurras e a banda de lobos que lle asistía na redacción do xornal ultradereitista Action Française. Pouco tardou o poeta Guillaume Apolinaire en desprazalos a base de trasegar absenta cos seus amigos. Esa bebida -que sube en alcool ao pé de 90 graos- debía de poñelos bastante prosmas para as persoas das mesas contiguas. No seu círculo andaba André Breton, practicante devoto da escrita automática e redactor, baixo parámetros contraditoriamente racionais, do Manifesto surrealista de 1924. O único campo no que triunfou o surrealismo foi a cociña. Ferrán Adrià empuxouno ata a fronteira en canto a mesturas imposibles e pratos que parecen proceder dos soños. A súa receita Ovos de ouro, n. 741 lembran ao cadro Ovos fritidos en prato sen prato, de Dalí. Nese derradeiro límite habita a estrela norteamericana do The French Laundry, Thomas Keller. O cociñeiro enxeñou un prato de ovos de paspallás escalfados, cenouras, ceboliñas, manteiga montada, mazá e touciño afumado. O touciño entrefebrado e ovos que asinou está inspirado no tamén daliniano Obxecto surrealista, indicador da memoria instantánea. O seu colega do The Fat Duck, Heston Blumenthal, soubo recrealo situándoo baixo o sol da Toscana.