santa claus

 

O Apalpador xa ten o seu nome escrito con letras de incienso e mirra nese paseo da fama que é o Foro Coches. Ese portal reproduce virtualmente os talleres mecánicos: homes con manchas de camuflaxe graxento discuten sobre motores entre neumáticos e calendarios con deusas do tempo. Entre os seus debates, O Apalpador protagoniza unha polémica sobre a súa potencialidade separatista e o seu pedigrí. A maiores da raigame que teña esa figura nas montañas do leste galego, todos os mitos teñen un nacemento e un desenvolmento con grao de rigor variable. Tería que sabelo Méndez Ferrín, que cuestiona o carboeiro barbado sen considerar a súa utilidade identificadora. Paralelamente, o presidente da Real Academia Galega require un millón de euros para apuntalar a continuidade da institución lingüística. Tan elevada cantidade formúlase con natureza de imprescindible. Non está de máis que, antes de pedir, achegase unha explicación didáctica sobre as funcións da RAG e a necesidade de que a casa de Pardo Bazán na que se asenta manteña as bisagras engraxadas. Non todos coñecen o seu papel. Unha maioría de galegos amosa tanta perplexidade cara a súa existencia como cara ao Apalpador. A minoría restante contémplaa co idéntico agarimo condescente que aos Reis Magos. Mesmo entre os coñecedores da institución non cesa o maldicer sobre as valías para empregarse na entidade pública, algo que debería ser cercenado cunha aclaración que xa urxe. Non estou pedindo que a RAG se incorpore aos debates antropolóxicos do Foro Coches, pero si que dea alento á iniciativa popularizante que prendeu Fernández del Riego cando a gobernou.